O CPEIG trae a Mundos Digitales aos creadores de Tadeo Jones para impartir un obradoiro

mércores, 4 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Os creadores da longametraxe de animación Tadeo Jones van estar estes días na nosa terra mostrando a nenas e nenos os vieiros a percorrer para ser elas e eles tamén creadoras e creadores de contidos creativos. A cita será en Mundos Digitales, que se celebra a partir de mañá en PALEXCO, na Coruña. Trátase dun obradoiro xuvenil organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a axencia AMTEGA, ao abeirto do programa TechKids.
Máis en detalle, o taller Creación de personaxes. Do deseño 2D ao modelado 3D desenvolverase o xoves e o venres en horario de 10 a 13 horas. Participarán de balde dez rapaces.
Segundo informan as dúas entidades organizadoras, grazas a esta actividade formativa e divulgativa, os máis pequenos aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de concept art até o seu modelado en 3D. Ademais, “coñecerán os trucos precisos para enfrontarse aos puntos clave do proceso, como son a anatomía, dimensións, proporcións, sensacións que debe transmitir, así como a ambientación e historia do personaxe”.
O taller, de seis horas de duración, está destinado a rapazas e rapaces de 14 a 18 anos.

PUBLICIDADE