O CPETIG abre o prazo de inscrición do seu curso para profesionais da protección de datos

mércores, 3 de xuño do 2020 S. P.

Este 3 de xuño abriu o prazo de inscrición para un curso do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) que fará avanzar en coñecemento, operatividade e eficacia aos profesionais que se centren na protección de datos ou que se preparen para facelo. O curso O día a día do DPD conta coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). O comezo está previsto para o 19 de xuño. Será impartido na modalidade online pola Asociación Española para a Calidade, AEC, está estruturado en catro sesións que se celebrarán as dúas últimas fins de semana de xuño, os días 19, 20, 26 e 27, en horario de venres pola tarde e sábados pola mañá.
Os contidos do curso abordarán ao longo das catro sesións o principio de accountability no RGPD e a súa aplicación á figura do delegado de protección de datos (DPD); os primeiros pasos a seguir unha vez asumida a responsabilidade do nomeamento de DPD; as funcións do DPD e a xestión documental; para rematar con dous casos prácticos de gran actualidade, como son a intervención do DPD ante unha fenda de seguridade e as negociacións con interesados.
Segundo informa o colexio, a formación está dirixida a aqueles profesionais que “xa desempeñan a responsabilidade de DPD ou que se preparen para facelo nun futuro”; así como a “responsábeis de seguridade TIC; persoal das oficinas de seguridade, auditores internos ou externos, consultores, avogados e, en xeral, profesionais interesados en adquirir coñecementos en materia de privacidade e seguridade”.
Obxectivos
O CPETIG engade que o obxectivo é “proporcionar unha formación especializada e facilitar materiais e casuísticas prácticas de gran utilidade para os profesionais que desempeñan a súa función como DPD ou que queiran exercer esta responsabilidade no futuro”. As persoas participantes accederán a información exhaustiva sobre os instrumentos para a xestión documental das tarefas derivadas das funcións asignadas ao DPD, conforme ao principio de accountability ou “rendición de contas”.
Formadores
A formación será impartida por Javier Villegas Flores e Francisco Ramón González-Calero Manzanares, profesionais de Govertis Advisory Services, expertos no campo xurídico e tecnolóxico.
As persoas interesadas no curso poden acceder a unha información completa do programa e formalizar a súa inscrición vía online.

PUBLICIDADE