O CPETIG celebra mañá en Compostela un seminario práctico sobre Xestión de Proxectos (PMO)

xoves, 8 de marzo do 2012 Raquel Noya

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) xa ten cubertas, dende hai varios días, as prazas que tiña dispoñibles para o curso sobre Oficina de Xestión de Proxectos (PMO) que vai celebrar no Hostal dos Reis Católicos a partir de mañá, o que demostra o crecente interese que os distintos sectores amosan cara as accións formativas que esta entidade leva a cabo en materia TIC.
Este seminario, que se desenvolverá os días 9 e 10 de marzo, ten como obxectivo informar ás persoas asistentes sobre as vantaxes dunha oficina de xestión de proxectos ou PMO (do inglés project management office), é dicir, un departamento que define e mantén os estándares de procesos, xeralmente relacionados coa xestión de proxectos dentro dunha organización ou empresa.
A xornada formativa vai dirixida todos aqueles profesionais que poidan verse na situación de ter que definir a operativa dunha PMO, traballar nunha PMO, ou simplemente traballar nun entorno no que o seu traballo é monitorizado por unha PMO, e desenvolverase de xeito práctico en sesións de mañá e tarde.
A orientación do curso é eminentemente práctica, baseándose os escenarios propostos en casos reais de PMOs nos que o relator convidado, José Luis Iparraguirre, ten participado directamente, tanto na definición conceptual da súa estrutura de traballo, como na operación das mesmas.
Este experto e acreditado formador é un profesional que, segundo informan dende o CPETIG, “foi o primeiro español en obter a certificación High Maturity Lead Appraiser polo Software Engineering Institute e certificado para avaliacións dos niveis 4 e 5 de CMMI”.
Iparraguirre, que tamén está certificado polo SEI como instrutor CMMI e de feito conta cunha gran experiencia impartindo cursos por todo o mundo sobre esta disciplina, é responsable de actividades para o desenvolvemento de paquetes de formación, e asemade é instrutor de cursos de Xestión de Proxectos, Técnicas de Estimación, Técnica de Puntos Función, Peer-Reviews...
A súa ampla experiencia laboral na implantación deste e outros tipos de proxectos permitiralle ao instrutor estar á altura das expectativas do curso, que abordará tódolos puntos a ter en conta para unha boa xestión de PMO.
Os asistentes poderán discutir e analizar os factores de éxito dunha PMO e as distintas orientacións que o traballo destas pode ter, segundo indican, “en función dos obxectivos definidos para as mesmas”.
Neste senso, podemos falar dende unha PMO orientada ao reporte, na que primará a captura e integración dos datos, ata unha PMO orientada á previsión do cumprimento dos obxectivos de negocio, “na que se utilizarán técnicas avanzadas de modelización do comportamento da organización”, aclaran dende o CPETIG.
Programa
O programa do curso abordará catro partes ben diferenciadas. Nunha primeira etapa realizarase un rápido repaso dos obxectivos dunha PMO, para pasar despois a falar sobre a PMO no lanzamento de proxectos e sobre a importancia do PMO no control de proxectos.O ciclo formativo completarase cun repaso pormenorizado sobre o papel da PMO como axente de comunicación e cun apartado dedicado a recomendacións prácticas.

PUBLICIDADE