O CPETIG colabora nas Xornadas de Orientación ao Emprego do IES de Teis

martes, 30 de xaneiro do 2018 Redacción

O secretario do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), Juan Luis Miguéns, participou na tarde deste 30 de xaneiro nun coloquio acerca dos recursos dos colexios profesionais e das asociacións. A mesa redonda, celebrada no IES de Teis, encadrouse na celebración das XIX Xornadas de Orientación ao Emprego. A intervención de Miguéns estivo centrada nos servizos que ofrece o CPETIG, nas accións formativas e eventos profesionais que organiza e nas vantaxes de colexiarse para defender colectivamente a profesión.
A colaboración do CPETIG nesta iniciativa que convoca anualmente o IES de Teis diríxese a fortalecer o obxectivo principal das xornadas: facilitar información ao alumnado sobre futuras saídas laborais despois de rematar os ciclos ou a FP Básica e contribuír a unha toma de decisións fundamentada.
Nesta edición, que remata mañá día 31, o alumnado ten a oportunidade de coñecer a experiencia de emprendedores novos que se formaron no IES de Teis e acceder a información útil sobre como enfrontarse con éxito a unha entrevista de traballo ou sobre os recursos de apoio para montar unha empresa propia. E, asemade, hai obradoiros prácticos e charlas con profesionais das diferentes ramas dos ciclos que se imparten no centro.

PUBLICIDADE