O CPETIG convoca eleccións á xunta de goberno o 10 de febreiro

martes, 26 de decembro do 2017 Redacción

Marcos Mata, presidente do CPETIG e do CONCITI

A xunta de goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPETIG) vén de aprobar o calendario electoral para a convocatoria de eleccións, que se celebrarán o vindeiro 10 de febreiro. O prazo para a presentación de candidaturas comeza mañá día 27 de decembro e ficará aberto até o 11 de xaneiro.
Segundo engade o CPETIG, a proclamación de candidaturas será o 16 de xaneiro, despois do proceso de análise por parte da xunta electoral. A entidade que arestora preside Marcos Mata tamén sinala que nas eleccións do 10 de febreiro as persoas colexiadas elixirán todos os cargos da xunta de goberno do CPETIG: presidencia, vicepresidencia, secretaría, vicesecretaría, tesouraría, vicetesouraría e vogais.
Dez anos de CPETIG
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia está este ano celebrando os seus dez anos de traxectoria, unha década ateigada de accións de impulso tecnolóxico, divulgación, formación TI, innovación, colaboración cos restantes axentes do sector (galegos e estatais) e defensa da profesión (en relación a este punto, o colexio serve como garante de que o exercicio da profesión se axuste ás normas e ás regras que aseguren a eficacia e a eventual responsabilidade de tal exercicio). Por outra banda, a entidade profesional salienta polo seu firme compromiso a prol de acadar unha contorna tecnolóxica-dixital igualitaria e con maior presenza feminina. Entre as súas actividades máis destacadas atópanse as Xornadas de Informática Xudicial (un importante e ambicioso evento participativo onde se intercambiaron experiencias e puntos de vista sobre seguridade en Rede e novos retos tecnolóxicos da Xustiza). Recentemente a entidade renovou a súa presenza na Internet apostando pola comunicación directa e a vontade de facer comunidade.

PUBLICIDADE