O CPETIG e AMTEGA estrearon a nova edición do Girl STEAM 2026 en Betanzos e Pontevedra

martes, 30 de xuño do 2026 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) impulsan unha nova edición da iniciativa Girl STEAM, un programa de obradoiros prácticos orientado a espertar vocacións tecnocientíficas entre a mocidade galega e contribuír a reducir a fenda de xénero nas profesións vinculadas á Ciencia, a Tecnoloxía, a Enxeñaría, as Artes e as Matemáticas (siglas do termo STEAM). En total 30 obradoiros en 19 concellos que deron comezo este luns, día 29 de xuño, en Betanzos e Pontevedra.
As actividades desenvolveranse entre os meses de xullo, agosto e setembro a través da realización de obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas da Rede CeMIT, e adicionalmente tamén se celebrará un obradoiro no Centro GaiásTech na Cidade da Cultura.
Aprender tecnoloxía desde a creatividade e a colaboración
Os obradoiros combinan actividades prácticas de robótica, creación audiovisual e programación creativa, fomentando valores e competencias clave para o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade.
Este ano traballarase co kit de placas Arduino e empregarase Mblock como contorna de programación.
No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como: a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía, o uso creativo da tecnoloxía, máis aló do mero uso e consumo, a colaboración e o traballo en equipo e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.
As persoas interesadas en asistir a esta formación poden consultar as actividades programadas a través da páxina web da Rede CeMIT, na que poderán realizar a súa inscrición.