O CPETIG e AMTEGA organizan un curso de auditoría no Esquema Nacional de Seguridade

luns, 4 de setembro do 2017 Redacción

Marcos Mata, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia

O CPETIG, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), organiza un curso de auditoría no Esquema Nacional de Seguridade (ENS), que capacitará ás persoas asistentes para levar a cabo as auditorías previstas no marco do RD 3/2010 de implementación do ENS no eido a administración pública. O curso, de 20 horas de duración, será impartido por Juan Luis García Rambla e Diego Cordero Domenech, de Sidertia. O obradoiro está estruturado en catro sesións que terán lugar os días 22, 23, 29 e 30 de setembro no GH Los Abetos, de Santiago de Compostela.
Segundo informa o colexio que preside Marcos Mata, os contidos teóricos estarán centrados nos fundamentos da implementación do ENS e nas medidas para cada un dos marcos que constitúen a norma de seguridade. Estes, engade o CPETIG, “veranse complementados con sesións prácticas de revisión das medidas aplicábeis e da súa adecuación para o nivel establecido”.
O prezo da matrícula é de 325€, establecendo unha inscrición especial de 95€ para colexiados e precolexiados de enxeñaría técnica e enxeñaría en Informática e os non colexiados que soliciten adhesión ao CPETIG. No prezo da matrícula inclúese o xantar dos sábados.
Segundo explica a entidade profesional galega, as persoas participantes no curso “sairán cualificadas para realizar as auditorías establecidas no real decreto, que deben levarse a cabo ao menos cada dous anos, dirixidas a asegurar o cumprimento do ENS”.
O colexio tamén fai saber que o ENS está deseñado para garantir o acceso, integridade, dispoñibilidade, autenticidade, confidencialidade, rastrexabilidade e conservación dos datos e informacións empregadas en medios electrónicos xestionados polas administracións públicas no exercicio das súas competencias.
Máis información do curso e inscricións en cursoens.cpetig.org

PUBLICIDADE