O CPETIG e AMTEGA presentan un documental que dá plena visibilidade ás mulleres informáticas

luns, 25 de outubro do 2021 S. P.

O centro de demostracións e divulgación tecnolóxica GaiásTech, emprazado na Cidade da Cultura de Galicia, vai acoller este 26 de outubro a xornada de presentación do documental Marxe de erro, no que se amosa unha visión en primeira persoa do papel das mulleres nas enxeñarías a través de cinco profesionais relacionadas con este eido. A realización do documental enmárcase no convenio de colaboración entre a axencia AMTEGA e o Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG). O acto poderá verse a través de Youtube.
Na presentación participarán a directora da AMTEGA, Mar Pereira; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o subdirector xeral de Formación Profesional, Carlos Vázquez Mariño; e o presidente do CPETIG, Marcos Mata; e están convidados tamén alumnos de bacharelato STEMbach de centros educativos de toda Galicia.
Susana Gómez Carnero, Susana Ladra González, Verónica Bolón Canedo, Berta Candendo Santos e Silvia Piñeiro Fernández son as protagonistas de Marxe de erro, peza audiovisual na que relatan a súa perspectiva sobre as Enxeñarías en Informática e explican como chegaron a cursar estes estudos, como se desenvolveu a súa traxectoria no sector e amosan a súa visión e experiencias sobre a presenza das mulleres na profesión e os estereotipos que aínda permanecen vixentes.
A obra encádrase no compromiso do CPETIG e a AMTEGA por fomentar novas vocacións TIC, poñendo o foco no ámbito das mozas. Segundo explican, “na actualidade as mulleres supoñen máis da metade do alumnado universitario, pero no referido ás Enxeñarías en Informática, a evolución é totalmente inversa. Entre os anos 1985-87 había un índice de matrículas femininas do 30 % en informática nas universidades españolas e de aí, pasouse a un escaso 12 % no curso 2016/17”.
Co documental Marxe de erro, o CPETIG pretende “destacar a necesidade que teñen as carreiras tecnolóxicas, e en especial as relacionadas coa directamente coa informática, da presenza feminina como aporte de valor, dando especial visibilidade a tantas mulleres que foron esenciais no desenvolvemento das TIC e a tantas outras que hoxe en día traballan no sector, buscando dende as súas experiencias romper ideas preconcibidas que afastan ás mulleres, dende idades moi temperás, da opción de escoller estudos vinculados á informática”.

PUBLICIDADE