O CPETIG homenaxea a título póstumo a Alberte Rodríguez Calvo
mércores, 1 de xullo do 2026
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) rendeu homenaxe a título póstumo a Alberte Rodríguez Calvo, na gala dos Premios á Excelencia e Compromiso Profesional 2026 celebrada o pasado 20 de xuño no Hotel Puerta del Camino, en Santiago de Compostela, organizado pola Unión Profesional de Galicia (UPDG).
O recoñecemento foi entregado polo Presidente do CPETIG, Marcos Mata Mansilla, a súa viúva, Marta Seco Bajo, no medio dun pechado e respectuoso aplauso de todos os asistentes.
Alberto Rodríguez obtivo o título de Enxeñaría Técnica en Informática pola UNED no ano 2011, tras licenciarse previamente en Química, especialidade Industrial, pola USC en 1997. Así mesmo, cursou o Posgrao de Especialista en Análise e Xestión da Innovación Tecnolóxica na USC (1998). Dende 1989 desenvolveu a súa carreira profesional como técnico de transferencia de coñecemento da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, e dende 2012 exercía ademais como perito informático, formando parte do Corpo Oficial de Peritos do CPETIG, a través do cal colaboraba coa Administración de Xustiza como perito xudicial.
No ano 2023 incorporouse como vogal á xunta de goberno do CPETIG, á que pertenceu ata o seu recente falecemento.
Con este galardón, o CPETIG non só honra a memoria de Alberto Rodríguez, senón que pon en valor a súa traxectoria, dedicación e o legado deixado no sector da enxeñaría técnica en informática en Galicia.
O evento, que reuniu ás principais autoridades da comunidade, contou coa participación do Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; o Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez; e o Presidente da UPDG, José María Suárez Quintanilla, entre outras personalidades.
