O CPETIG pide á Xunta que corrixa unha convocatoria de xestión informática na que se omite a enxeñaría técnica

mércores, 14 de marzo do 2018 Redacción

JPEG - 48.5 KB
Marcos Mata, presidente do CPETIG

O Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) vén de dar un novo paso a prol da defensa da profesión que representa, un cometido que constitúe un dos seus obxectivos fundamentais. Segundo informa a entidade, esta vén de solicitar á Administración autonómica que emende unha convocatoria da escala de xestión de sistemas de Informática na que “se omite a titulación de Enxeñaría Técnica en Informática”. Por este motivo, o CPETIG enviou a principios desta semana unha carta á Dirección Xeral de Función Pública da Xunta de Galicia para que corrixa a Orde de 1 de marzo de 2018 pola que convoca un proceso selectivo, pola quenda de promoción interna, para o subgrupo A2 da devandita escala.
O CPETIG lembra que ao abeiro desta convocatoria establécense como requirimentos de titulación estar en posesión ou en condicións de obter “a diplomatura ou grao nunha carreira de calquera rama”. Porén, a entidade profesional apunta que nestas bases omítese a titulación de enxeñaría técnica, “feito que causa preocupación ás persoas tituladas en enxeñaría técnica informática, ás que representa o colexio”.
Na súa misiva, o CPETIG solicita a Función Pública “unha corrección de erros da citada orde, de xeito que se inclúa expresamente a Enxeñaría Técnica en Informática como titulación admitida para concorrer á convocatoria ou ben que se emita un comunicado aclaratorio indicando a aceptación da enxeñaría técnica como titulación para optar a este proceso selectivo”.
O colexio explica que a solicitude está fundamentada na Lei 2/2015, de 29 de abril, do emprego público de Galicia, que determina que “poden acceder ao subgrupo A2 as persoas en posesión das titulacións de enxeñaría técnica, diplomatura, arquitectura técnica ou equivalente”.
Por outra banda, a entidade que preside Marcos Mata sinala que baixo esta solicitude atópase “a necesidade de que se modifique o actual marco normativo para que este tipo de prazas da escala técnica de informática non estea aberto a calquera titulación”. O CPETIG considera que “abrir a convocatoria destas prazas á xeneralidade das profesións infrinxe os principios de mérito e capacidade e quebranta o de igualdade, amais de supor unha rotunda discriminación ao ver usurpada a súa especialización”.
O colexio pide “que Galicia aplique o modelo doutras Comunidades Autónomas, que si dirixen as convocatorias de postos semellantes única e exclusivamente a persoas tituladas en Enxeñaría Técnica en Informática, que son as únicas oficialmente capacitadas pola súa titulación para o exercicio das funcións propias das prazas convocadas”.

PUBLICIDADE