O CPETIG pon en marcha o seu curso sobre análise forense en medios dixitais
venres, 24 de setembro do 2021
O
Colexio
Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia
(CPETIG) activa este venres a súa nova actividade formativa,
organizada en colaboración coa AMTEGA (Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia) e destinada a achegar capacitación (e
actualización) en materia de análise forense en medios dixitais,
tales como discos duros, dispositivos móbiles, rastrexo en Internet,
etc. Na actividade tamén se mostrarán os mellores xeitos de
responder ante ante incidentes relacionados coa ciberseguridade.
En
concreto, o obxectivo deste curso é “dar a coñecer o marco
xurídico sobre o que se sustenta a labor do perito, facilitar as
claves para manexar as técnicas necesarias para adquirir e preservar
evidencias dixitais, amosar os conceptos nos que se basea unha
análise forense e dotar aos asistentes nos coñecementos necesarios
para a análise das evidencias contidas en medios dixitais”,
explicou o CPETIG, que engade que outra das finalidades é afondar
nos tipos de ciberincidentes, na súa clasificación e en como
proceder ante un; en como redactar un informe pericial baseado na
análise forense das evidencias dixitais ou en como defender o
informe pericial en sede xudicial. Amais, abordaranse aspectos
relativos á protección de datos persoais, comercio electrónico,
sinatura electrónica, propiedade intelectual ou delitos
tecnolóxicos.
Este
curso é válido para o acceso ao Corpo Oficial de Peritos do CPETIG.
Destinatarios
A
actividade formativa está orientada a peritos informáticos,
responsábeis de seguridade TIC (Tecnoloxías da Información e a
Comunicación), persoal de oficinas de seguridade, auditores internos
ou externos, consultores, avogados e tamén a calquera outro
profesional interesado en adquirir coñecementos en materia de
informática forense.
Cunha
duración de 20 horas, o curso desenvolverase en catro sesións.
Comeza este 24 de setembro e continuará ao día seguinte, amais dos
días 1 e 2 de outubro en formato en liña desde o Gaiás Tech e a
través da plataforma de formación de Securízame.
- Víctor Salgado será un dos formadores do curso do CPETIG
Formadores
expertos
Víctor
Salgado Seguín, socio-manager en Pintos & Salgado
Avogados e profesor de Dereito TIC na HUB Escuela de Negocios
Digitales; e Lorenzo Martínez Rodríguez, CTO en Securízame, serán
os encargados de impartir esta actividade formativa.
Víctor
Salgado é socio director de Pintos & Salgado Avogados, firma
referente en Galicia no eido do Dereito TIC, premiada en 2015 como
Boutique Data Protection Law Firm of the Year in Spain por
Corporate ITNL. Licenciado en Dereito, diplomado superior en Xestión
Empresarial pola Universidade CEU San Pablo de Madrid e posuidor do
Mestrado en Estudos da Unión Europea da Universidade da Coruña e en
Regulamento Xeral de Protección de Datos pola UNED, está
especializado desde 1997 en Dereito Informático e Comunitario Ten
publicado diversos artigos en publicacións especializadas sobre
aspectos xurídicos do comercio electrónico, protección de datos,
dereitos de autor en Internet, criminalidade informática ou
regulación das DNS, entre outros.
Pola
súa parte, Lorenzo Martínez, titulado en Enxeñaría Superior en
Informática pola Universidade de Deusto, é perito informático con
ampla experiencia e posúe unha extensa formación especializada e
traxectoria profesional no eido da seguridade informática e
actualmente traballa como xefe da oficina técnica de Securízame,
compañía especializada en proxectos de ciberseguridade que asesora,
forma, audita e integra solucións de terceiros e propias para
mellorar a seguridade dos sistemas, redes e comunicacións das
empresas e Administracións Públicas.