O CPETIG presenta recurso contra o Parlamento polo que considera un novo caso de discriminación aos informáticos

martes, 2 de xaneiro do 2018 Redacción

Marcos Mata, presidente do CPETIG e do CONCITI

O Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), a través do seu presidente, Marcos Mata, presentou o pasado 28 de decembro un recurso potestativo de reposición contra o acordo da Mesa do Parlamento de Galicia que abre a todas as titulacións a convocatoria de dúas prazas da escala técnica en informática da Cámara Galega. Segundo a entidade profesional galega, este acordo infrinxe “os principios de mérito e capacidade e quebranta o de igualdade”. O CPETIG lembra que en orixe estas prazas foron convocadas esixindo a titulación en Informática, segundo as bases publicadas no DOGA do 22 de agosto de 2017. Porén, como consecuencia dun recurso presentado e estimado pola Mesa do Parlamento, a Cámara aprobou cambios nos requisitos de formación.
Estas modificacións, engade o CPETIG, deixou o acceso a estas dúas prazas libre para “calquera persoa diplomada ou graduada nunha titulación de calquera rama”, segundo as bases, publicadas no DOGA do 28 de novembro de 2017. Nas súas alegacións, o colexio recorda que a formación esixida en orixe (Diplomatura en Informática, Enxeñaría Técnica en Informática ou Grao en Enxeñaría Informática) é a requirida “expresamente para os postos convocados pola lexislación do propio Parlamento”, do mesmo xeito que así se dispón na Relación de Postos de Traballo da Administración do Parlamento de Galicia.
O CPETIG engade que o feito de abrir a convocatoria destas prazas” á xeneralidade das profesións” supón “unha discriminación ao ver usurpada a súa especialización”. Ademais, o proceso pon de manifesto un problema que non adoita darse noutras Comunidades Autónomas, onde as convocatorias de postos análogos resérvanse “única e exclusivamente a persoas tituladas en Enxeñaría Técnica en Informática, que son as únicas oficialmente capacitadas segundo a súa titulación para o exercicio das funcións propias das prazas convocadas”.
Marcos Mata e o colexio engaden que este caso pon de relevo, novamente, “a indefensión na que viven os enxeñeiros técnicos en Informática de Galicia”.
Asemade, o CPETIG entende que “estaríanse conculcando os preceptos de igualdade, mérito e capacidade para o acceso ao emprego público, derivados na normativa vixente, e a necesaria adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións e tarefas a desenvolver, recollida no Estatuto Básico do Empregado Público”.

PUBLICIDADE