O CPR Ferroviaria de Monforte mergúllase no Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo

luns, 13 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou hoxe na visita didáctica que alumnos e alumnas do CPR Ferroviaria de Monforte de Lemos fixeron ás instalacións do Servizo de Audiovisuais, o centro de formación tecnolóxico-audiovisual que prosegue a importante liña de actividade da xa desaparecida Fundación TIC, con sede na cidade da Muralla.
O máximo responsábel provincial asistiu á gravación do boletín audiovisual Ticodiario, o informativo de televisión presentado polos propios estudantes que, desta volta, incluíu noticias sobre a candidatura da Ribeira Sacra como ben Patrimonio da Humanidade e o Club de Xinmasia Rítmica Quicela de Monforte.
A rapazada visitante ao SdeA (alumnado de 4º de ESO) fixo un percorrido polos distintos departamentos, desde o arquivo e redacción até as salas de edición, pasando polas as mesas de realización e son e os platós. En termos máis concretos, coñeceron de man dos profesionais como é o funcionamento de cada sección e o traballo en equipo necesario nun medio audiovisual. Ademais, os rapaces e rapazas recibiron información sobre os dous ciclos superiores de Realización e Produción que imparte o Centro de Formación do SdeA.
As visitas didácticas ao Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo, que xa van pola súa oitava edición, están destinadas ao alumnado de Primaria e Secundaria de toda a provincia. Grazas a esta iniciativa, xa pasaron máis de 9.000 estudantes polas instalacións deste servizo da Deputación. Segundo fai saber a entidade provincial, o éxito das actividades reflíctese “na alta demanda por parte dos colexios e institutos”, que levou a ampliar a dous o número de días á semana destas visitas didácticas.

PUBLICIDADE