O CPR Plurilingüe San Fermín (Pontevedra) e o IES de Foz gañan a III edición de Ciberseguridade non cole!

luns, 6 de novembro do 2023 S. P.

Alumnos do IES de Foz

O CPR Plurilingüe San Fermín, de Pontevedra, na categoría de Primaria, e o IES de Foz, Lugo, na categoría de Secundaria, foron os gañadores da III edición do concurso Ciberseguridade non cole!, promovido por Telefónica, no que participaron máis de 265 clases pertencentes de 114 colexios de toda Galicia. O segundo e terceiro premios de Primaria corresponderon, respectivamente, aos colexios Carlos Casares-Alxén, de Salvaterra do Miño, e San Francisco, de Vilagarcía de Arousa. O segundo e terceiro premios de Secundaria, aos colexios Montespiño, da Coruña, e ao Losada, de Pontevedra, respectivamente.
A xornada presencial de Ciberseguridade non cole!, na que os colexios puideron presentar os seus proxectos, contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e coa directora de Galicia e Asturias de Telefónica, Paula Beirán. “En Telefónica estamos moi satisfeitos coa gran acollida que tivo Ciberseguridade non cole!”, comentou Paula Beirán, “xa que é moi importante que a cultura da navegación segura sexa ensinada desde idades moi temperás”. E engadiu: “Estamos moi orgullosos dos alumnos, pero tamén dos profesores, que se implicaron enormemente no desenvolvemento dos proxectos de ciberseguridade”.
Ciberseguridade non cole! é un concurso para alumnos de 10 a 14 anos. Está dirixido ao alumnado de 5.º e 6.º de primaria e a 1.º e 2.º da ESO. O obxectivo do concurso é fomentar a concienciación en materia de protección tecnolóxica no ámbito escolar, e facilitar que os alumnos adquiran os coñecementos e as ferramentas necesarias para facer fronte aos riscos que entraña o uso dos medios dixitais.