O CSIC e o CESGA colaboran nunha xornada formativa

luns, 16 de setembro do 2019 Redacción

Persoal da Delegación Institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e dos seus centros, institutos e unidades en Galicia participaron este luns 16 de setembro nunha xornada formativa co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a Xunta de Galicia. A sesión tivo por obxecto profundar no uso das tecnoloxías dixitais na investigación, así como nas oportunidades que estas ofrecen ao labor científico, técnica, divulgativo e formativo.
A xornada, que se realizou na sede do Centro de Supercomputación en Santiago, no Campus Sur, contou coa presenza do delegado institucional do CSIC en Galicia, Antonio De Ron Pedreira, e do director-xerente do CESGA, Mauro Fernández Dabouza. Ambos quixeron salientar a importancia de xuntar sinerxías para “seguir avanzando no traballo de centros punteiros na investigación en Galicia”.

Mauro Dabouza e Antonio De Ron na xornada celebrada no CESGA


A primeira parte da sesión centrouse na presentación de cada unha das áreas coas que conta na actualidade o Centro de Supercomputación, así como os proxectos máis relevantes que se están a levar a cabo en cada unha delas. Tocáronse cuestións tecnolóxicas como as ferramentas colaborativas, o cómputo de alto rendemento, o ensino a distancia (e-learning), a transferencia tecnolóxica, as comunicacións e o almacenamento de datos.
A segunda parte consistiu na exposición das necesidades dos centros do CSIC en Galicia e as oportunidades que ofrecen as tecnoloxías dixitais para os mesmos. Así, na xeira de networking analizáronse propostas encamiñadas a incrementar e fortalecer a capacidade competitiva dos centros do CSIC na Comunidade galega. A xornada formativa rematou cunha visita guiada ao supercomputador Fins Terrae.

PUBLICIDADE