O CSIC participa cunha manchea de actividades na quinta edición da G-Night

xoves, 25 de setembro do 2025 S. P.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) participa desde Galicia mañá na quinta edición de G-Night, Noite Galega das Persoas Investigadoras, evento de divulgación que se desenvolve simultaneamente en varias cidades europeas no marco da European Researchers’ Night. En Galicia a iniciativa está coordinada un ano máis pola Universidade de Vigo (UVigo).
A participación do CSIC en Galicia é a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS, CSIC-Xunta), o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) e os Centros Oceanográficos do Instituto Español de Oceanografía na Coruña (COAC) e Vigo (COV), que levarán a cabo actividades en Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e A Coruña.
· A MBG levará a cabo na súa sede en Pontevedra Escape Room: un futuro habitable?
· IEGPS participa con O Seminario de Estudos Galegos: aprende xogando! e con A pegada das mulleres nas rúas de Compostela: unha viaxe pola nosa historia.
· IIM únese a esta celebración con Portas abertas ás Tendas Oceánicas de Vigo.
· INCIPIT participa con Tarde científica no INCIPIT, O pasado foi vexetal. Un percorrido pola nosa historia da man das planta e XSCAPE-Material Minds.
· COAC con Pesqueiras Sustentables e Plancto: a vida microscópica do mar.
· COV con Da investigación á acción: o Centro Oceanográfico de Vigo.
200 actividades só en Galicia
A Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) vén nesta edición 2025 cunha axenda que inclúe más de 200 actividades nas sete cidades da nosa terra.
O evento está coordinado pola Universidade de Vigo e coa participación das universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas en Galicia e outros centros de coñecemento galegos.
Como dixemos, nesta edición da cita, que conta de novo co apoio económico da Xunta, inclúe máis de 200 actividades, abertas, gratuítas e dirixidas a todas os públicos, co obxectivo de achegar a ciencia á sociedade dun xeito lúdico e participativo.
Na UDC
A Universidade da Coruña súmase un ano máis á organización da G-Night, celebrada o último venres de setembro con motivo da Noite Europea das Persoas Investigadoras e que ten lugar ao mesmo tempo en preto de 400 cidades europeas.
Cristina Naya, a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC, participou en Vigo no acto de presentación xunto con Yolanda Golías, coordinadora da Unidade de Divulgación Científica e Cultural, que é o órgano encargado de organizar o evento na UDC xunto cos centros de investigación da Universidade: o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC).
As accións propostas para o Campus da Coruña e o Campus Industrial de Ferrol (e noutras localizacións destas dúas cidades) terán horario de mañá e as máis delas estarán dirixidas a escolares das distintas etapas educativas, anque tamén ao público en xeral, e xa pola tarde serán para todos os públicos. De feito, a grande oferta de actividades está concentrada a partir das 18:00 horas.
As actividades que conforman a G-Night na cidade de Ferrol serán presenciais e están organizadas principalmente a través do CITENI. O horario será de 10:00 a 14:00 horas para o público escolar, e
de 17:00 a 20:00 horas para o público familiar. Ofreceranse 12 obradoiros:
-Navegando por un mar en miniatura: modelos de barcos a escala na canle de ensaios.
-Polímeros sostibles para a impresión 3D. É un desperdicio? Non, é un polímero 3D”, no Laboratorio de Plásticos.
-A mecánica de fluídos na cociña: tanto se es afeccionado/a como chef profesional, quizais non imaxinas ata que punto a mecánica de fluídos inflúe no éxito dunha receita!
-Obradoiro matemáticas, a cargo dun grupo de investigadores do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA): exploraranse as matemáticas con material manipulable para descubrir que é un grafo.
-Do ser humano á máquina: enredando coa enxeñaría mecánica, que terá lugar no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM). Como ensaiar o motor dun coche cando o coche aínda non se fabricou?
-Visualizando a radiación nuclear e a supercondutividade, a cargo dun grupo de investigadores do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA). Empregarase unha cámara de néboa para amosar partículas alfa saíndo dun núcleo radioactivo e funcionamento dun supercondutor en levitación magnética.
-Obradoiro de robótica intelixente, que terá lugar no Laboratorio de Robótica.
-Plásticos que desaparecen: xogando coa ciencia dos biopolímeros: a natureza e a ciencia aliáronse para crear unha alternativa máis sostible: os biopolímeros, plásticos que poden biodegradarse; sabías que existen plásticos capaces de esvaecerse sen deixar rastro no medio ambiente?
-Enerxía azul: xogando a crear o mar do futuro
-Como conseguir placas solares máis sostible
-A enerxía do mar
-Combustibles: da enerxía ao movemento
Tamén en Ferrol, a Asociación de Veciños de Canido, de 18:00 a 21:00, ofrecerá obradoiros pola tarde para todos os públicos relacionados coa economía do día a día e a mercadotecnia.
Na cidade da Coruña, as actividades terán diferentes localizacións:
-Na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, situada en Riazor, mostraráselles a escolares o funcionamento dun buque a través dun simulador.
-Na DOMUS, ás 12.00 horas, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) ofrecerá tres obradoiros para grupos de escolares: Enxeñaría e ciencias da saúde, A aventura do sono e A vida celular das enfermidades.
- No Campus de Elviña terán lugar diversas actividades: visitas guiadas ao CITEEC e visitas guiadas ao CITIC (para escolares, de 10:00 ás 12:30 horas e cun total de 50 prazas, para coñecer exemplos de proxectos de Intelixencia Artificial, Realidade Virtual, Realidade Aumentada e robótica).
Xa en horario de tarde, de 18:00 a 21:00 horas, a G-Night contará con actividade en cinco localizacións diferentes da cidade:
-No MUNCYT poderasen desfrutar obradoiros: Como aplicamos as matemáticas, a física, a química e a bioloxía para avaliar a túa condición física?, dúas quendas ás 18:00 e ás 21:00 horas; As meteoconsultas... o mundo dos avisos meteorolóxicos!, dirixido a rapazada de entre 8 e 12 anos de 18:00 a 19:00 horas; e Investiga en ciencia e tecnoloxía!, dirixido a rapazada de entre 9 e 14 anos, no que aprenderán sobre a IA verde, bioinformática, circuítos electrónicos e sensores e poderán ter experiencias de Realidade Virtual, de 18:00 a 19:30 horas.
-Na Dársena la Marina (inmediacións da sede da Autoridade Portuaria), a partir das 18:00, ofreceranse obradoiros dirixidos ao público familiar sobre como a investigación en química e bioloxía nos achega a conseguir un planeta máis sustentable e saudable para todas as especies; coñecer problemáticas de contaminación ambiental; observar no microscopio plancto e microorganismos; dar a coñecer ao público xeral distintos efectos do vento sobre as estruturas interactuar con diferentes máquinas de enxeñería; avaliar o estado dos xeonllos realizando probas sinxelas; dar a coñecer técnicas de separación na inmunoterapia.
Como novidade este ano haberá un haima de charlas divulgativas, a partir das 18:00 horas, dirixidas ao público adulto, sobre temáticas moi diversas: exercicio terapéutico en dor pelviano crónico; a conduta autolesiva non suicida; sensores e IA para coidar o medio ambiente; estudo sobre a dieta e a competencia entre os nosos peixes; o cambio climático e a súa relación coa nosa pegada ecolóxica e hídrica; algúns dos nesgos xerados pola IA; e solucións xeolóxicas sostibles para coidar do planeta.
Ao mesmo tempo, no Árnica Bar, a partir das 18:00 horas, tamén haberá charlas dirixidas ao público adulto sobre: os músculos do solo pelviano; a investigación educativa na formación docente; os datos que se poden obter dos fósiles; o papel do océano como sumidoiro de carbono; o uso da IA na medicina personalizada e para combater a desinformación e a linguaxe abusiva en redes sociais; a concienciación sobre o patrimonio histórico e construción de madeira.
Para a organización da G-Night, a UDC contou co apoio da Autoridade Portuaria da Coruña, os Museos Científicos Coruñeses, o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), ademais de persoal investigador que tamén pertence ao Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), o Centro Oceanográfico da Coruña do Instituto Español de Oceanografía e Asociación Española Contra o Cancro na Coruña (AECC).
Na Universidade de Vigo
Baixo o lema Conciencias creativas, Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo serán os escenarios, ao abeiro da G-Night, de decenas de actividades que teñen o obxectivo de “achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, especialmente entre a mocidade, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia”.
Vigo converterase o vindeiro 26 de setembro nun gran escenario científico coa G-Night, que terá o seu epicentro no interior e no exterior no Edificio Redeiras. O evento, que conta co apoio do Concello e co financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo, reunirá preto de trinta postos nos que as persoas asistentes poderán gozar en directo de experimentos e das explicacións do persoal docente e investigador da UVigo nos ámbitos científico, da enxeñaría ou das ciencias sociais. A esta iniciativa sumaranse actividades como unha nova edición de Ciencia no Bar no Café De Catro a Catro con charlas sobre a funga de Madagascar ou a Realidade Virtual inmersiva.
A programación da UVigo na cidade olívica complétase coa segunda edición de Ciencia na Biblio, cunha charla sobre a aprendizaxe de linguas na Biblioteca Xosé Neira Vilas. Ademais, no local de EMAÚS levaranse a cabo seis obradoiros científicos organizados polo IEO-CSIC e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) celebrará unha xornada de portas abertas dirixida ao persoal dos comercios de Vigo que participaron na iniciativa Escaparates Oceánicos.
Pola súa banda, en Ourense será posible viaxar ao pasado cun obradoiro de escrita antiga na Facultade de Historia e reflexionar sobre igualdade e dereitos no Café Torgal, a través dunha proposta de Ciencia no Bar centrada na xustiza social. Mentres, Pontevedra acollerá a Camiñada Castelao, que permitirá descubrir a pegada e a obra do autor na cidade, e tamén un escape room científico organizado pola Misión Biolóxica do CSIC arredor do cambio climático.
Na USC
A vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, participou este luns 15 na rolda de prensa de presentación do programa de actividades. Bermejo puxo en valor a “transcendencia deste tipo de eventos para relacionarnos coa contorna, así como o interese das institucións participantes en desenvolver este tipo de actividades".
A G-Night está organizada en Lugo polo grupo de innovación docente XuvenCiencia e pola agrupación AgroMar, de persoal investigador mozo. O máis escollido e singular la investigación que se desenvolve no campus lucense chega na forma de preto dunha trintena de actividades abertas ata completar a capacidade do espazo e completamente de balde. O programa desenvolverase dende as 18.00 horas na Praza de Abastos e no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros.
Algunhas das principais novidades correspóndese cunha proposta do proxecto AF4EU para público de todas as idades que convidará a relacionar especies arbóreas cos seus froitos e dará a oportunidade de converterse nun porco celta e actuar como unha auténtica rozadora con cairos e rabo nun sistema agroforestal. Asemade, a G-Night presenta RePowerSiC, un proxecto que ten como misión optimizar a transmisión na enerxía no espazo. Veranse ademais, no Mercado Municipal, demostradores realizados tanto no CiTIUS como na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC.
De entre as novidades desta G-Night cómpre subliñar igualmente o proxecto SUS-SOIL, tamén da EPSE, que estuda a saúde e a sustentabilidade dos solos. Cativada e maiores terán ao seu dispor un laboratorio vivo dos solos de Galicia nos que pescudar os efectos de incendios de magnitude como os que se viviron este verán que xa remata. Tamén no capítulo de estreas na Noite Galega das Persoas Investigadoras sitúase REMOVIRT H3D. As persoas visitantes poderán interactuar con visualizacións tridimensionais de fígados humanos reconstruídos por un equipo da EPSE a partir de tomografías realizadas no Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Polo que respecta aos obradoiros programados para a Praza de Abastos, incorpórase este ano Superbacterias á vista, unha actividade para nenas e nenos de entre 3 e 14 anos que servirá para explicar o problema da resistencia aos antibióticos, o aspecto que teñen as superbacterias e que se pode facer para previr as complicacións de saúde humana, animal e ambiental que causan. Tamén está de estrea o obradoiro A ciencia a través dos sentidos, para todas as idades, que permitirá coñecer en profundidade diferente alimentos e as súas características. Finalmente, outra das novidades leva por título Cóntacho unha piloto para aprender a planificar unha viaxe e comprobar como, ás veces, os mapas tamén enganan.
Respecto do Campus de Santiago, o Colexio de Fonseca será en Compostela, entre as 18.00 e as 21.00 horas do 26 de setembro, o escenario de múltiples obradoiros impulsados dende a USC para achegar a ciencia á cidadanía con acceso aberto e de balde ata completar a capacidade do espazo. Así, o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) organiza as actividades Xogando na cociña con cores, ADN, cromosomas e divisións celulares e Nanociencia de cores: unha práctica para ver o invisible.
Pola súa parte, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) desenvolverá os obradoiros O que ves é o que hai: detectores visuais de obxectos sobre FPGA, A IA sabe se tes fibrilación auricular, Chatty: modelos de linguaxe para falar polos cóbados e O que tes é o que realmente ves: detector de eventos cun chip CMOS.
O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) desenvolverá a actividade Ciencia molecular en acción: do xogo á innovación, mentres que o Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) será o responsable dos obradoiros Xogamos limpo: o que se agocha nos campos de fútbol e nos parques, De medusas fluorescentes a bacterias que comen plásticos e Pasado contaminado.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, dará pulo á actividade Observa e constrúe os elementos fundamentais da materia, mentres que o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, no que tamén participa a USC, encargarase de desenvolver o obradoiro Descubrindo a biomedicina: a ciencia que transforma a saúde.
O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), que tamén conta coa participación da USC, impulsa as accións Apagando lumes con números, Xogando coas mates e Abracadabra matemática. O CITMAga organiza tamén para ese mesmo día unha serie de relatorios que se desenvolverán no Colexio de San Xerome entre as 16.30 e as 18.00 horas. Finalmente, a Área de Infraestruturas de Investigación da USC organiza a actividade Podo xogar con cristais?.