O CSIC presenta a súa primeira tese doutoral por videoconferencia

xoves, 2 de abril do 2020 S. P.

A actividade investigadora galega prosegue no ámbito dixital. Segundo informou o Centro Superior de Investigacións Científicas en Galicia, as novas tecnoloxías e as posibilidades de comunicación que brindan as videoconferencias permitiron que o centro levase a cabo a que sería a primeira presentación dunha tese doutoral de seu a través das contornas virtuais, “no marco da actual situación do Estado de Alarma”. O traballo xerouse dende o grupo de Xenética e ecoloxía da resistencia en coníferas, da MBG (Pontevedra). Defendeuse na UVigo da man da súa autora, Carla Vázquez González baixo a dirección de Rafael Zas e Luis Sampedro. Está redactada integramente en inglés, con Mención Internacional, e obtivo a cualificación de sobresaliente.
A investigación revela que a diferenciación de canles resiníferos onde se produce a resina, principal defensa química dos piñeiros, varía de forma notábel nas diferentes poboacións de piñeiro marítimo (Pinus pinaster Ait.), depende da súa capacidade de crecemento e é sensíbel a cambios anuais no clima e ás condicións de cada sitio. Para o estudo analizáronse máis 800 mostras de preto de 300 individuos en ensaios xenéticos en campo e experimentos en invernadoiro, nas cales se cuantificaron preto de 100.000 canles resiníferos.
A tese doutoral (As canles de resina como indicador retrospectivo do investimento en defensas nunha especie de piñeiro mediterráneo: Variación adaptativa e respostas plásticas) defendeuse por videoconferencia nun acto oficial organizado pola Universidade de Vigo ante a situación actual de confinamento. Como dixemos, trátase da primeira tese doutoral no CSIC que se presenta por videoconferencia, en palabras do centro “unha mostra máis de que continuamos co noso labor científico a pesar das circunstancias adversas, que limitan pero non frean a nosa capacidade no ámbito de investigación e académico”.

PUBLICIDADE