O CTAG recibirá o Premio Iniciativa Empresarial do CPEIG
xoves, 19 de xuño do 2025
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) anunciou que vai conceder o Premio Iniciativa Empresarial da XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia de 2025 ao Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).
Segundo explica o CPEIG, o CTAG é un referente internacional en I+D+i aplicada á automoción e á mobilidade do futuro: “Con máis de 20 anos de traxectoria, un investimento acumulado superior aos 70 millóns de euros e máis de 1.000 profesionais, CTAG é un socio clave para a industria, desenvolvendo solucións tecnolóxicas que transforman o sector e impulsando unha mobilidade máis limpa, intelixente, conectada e segura”, salienta o Colexio, engadindo que o centro dispón dun equipo multidisciplinar e uns laboratorios de vangarda que permiten a dixitalización e modernización do sector, liderando proxectos estratéxicos en ámbitos como a condución autónoma, o vehículo eléctrico, a seguridade, a conectividade, os novos materiais e a fábrica do futuro.
Desde a súa creación, CTAG participou en máis de 200 proxectos de innovación colaborativos, ademais dos proxectos unilaterais con empresas do sector automóbil. Algúns dos proxectos actuais nos que está a traballar son:
O CPEIG destaca tamén que un exemplo de proxecto europeo no que traballa o CTAG actualmente é o proxecto Hi-Drive, que se dirixe a “levar a condución automatizada ao seguinte nivel, facendo que os vehículos sexan cada vez máis capaces de conducir sen necesidade de intervención humana, mesmo en situacións complexas”. Para logralo, o proxecto céntrase en crear un entorno de probas en Europa, desenvolver tecnoloxías que permitan aos coches adaptarse a distintos tipos de estradas e condicións de tráfico, probar estas funcións en situacións reais e esixentes, e entender como reaccionan as persoas ante este tipo de automatización. Ademais, Hi-Drive avalía o impacto desta tecnoloxía tanto a nivel individual como na sociedade en xeral.
O Colexio tamén enxalza o traballo do CTAG en materia de electrificación e tecnoloxías de baterías (innovación en sistemas de propulsión eléctrica, integración de baterías, xestión térmica, etc). O CPEIG destaca que este ámbito “é unha prioridade para o sector” e é tamén unha prioridade para o CTAG, axente clave na transición enerxética. Por exemplo, destaca o proxecto SOCELL para desenvolver un ASIC que permita implantar Sistemas de Xestión de Baterías (Battery Management Systems, BMS) máis compactos, eficaces e alcanzables, con diagnóstico mellorado baseado en hardware, comunicacións sen fñíos, tolerancia a fallos e capacidades de equilibrado intelixente.
No ámbito da ciberseguridade, o CPEIG salienta que ao abeiro do convenio RETECH, promovido e liderado por AMTEGA, o CTAG crearía un laboratorio especializado en ciberseguridade aplicada á automoción. Trátase dunha iniciativa que impulsa a nivel nacional o Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE).
Tamén a través de INCIBE, o CTAG lidera o proxecto ASCAN (Analizador de Sinais CAN), co que busca desenvolver unha solución innovadora para a seguridade no ámbito da condución autónoma e conectada, mediante un software que emite alertas ante posibles ataques á rede do vehículo.
Ademais, o CTAG desenvolve proxectos que conectan o mundo real e o virtual para optimizar procesos de produción, mellorando a toma de decisións mediante a visualización de datos. Estes días está a presentar no evento Mindtech Vigo un demostrador das capacidades de CTAG no eido dos xemelgos dixitais.
No ámbito da sustentabilidade, o CTAG participou no proxecto FORTEXVAL que ten como obxecto a valorización de residuos forestais derivados das podas, utilizando tecnoloxías avanzadas para converter estes materiais en recursos industriais útiles.
O director TIC e de Operacións do CTAG, Esteban Martínez Germade, recollerá o galardón na XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago.
