O Camiño de Santiago avanza da man da tecnoloxía
mércores, 18 de setembro do 2024
Durante a presentación do proxecto de dixitalización Camiño Francés, Camiño 360º, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou a aposta da Xunta de Galicia por facer uso das tecnoloxías para avanzar nun Camiño de Santiago cada vez máis sustentable.
No discurso do acto, Xosé Merelles agradeceu á Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés a súa aposta por “avanzar nun Camiño de Santiago cada vez máis adaptado aos novos tempos, mantendo sempre á súa esencia”. Neste sentido, salientou que se aliña cos obxectivos do Goberno autonómico que conta con diferentes medidas nesta liña no Plan Director dos Camiños de Santiago 2027 “e tamén fixemos uso dos fondos europeos Next Generation para afondar nestas cuestións”, engadiu.
Neste sentido, o director de Turismo de Galicia salientou que o Goberno galego non escatima “esforzos no mantemento e adaptación das rutas xacobeas mediante a dixitalización, do mesmo modo que procuramos a excelencia na experiencia do peregrino innovando a oferta de peregrinación”. Nesta liña, atópase o Plan Xacobeo Next Generation, que conta cun investimento global de 39,1millóns de euros con fondos europeos, dos que a Xunta xestiona directamente máis de 31 millóns de euros.
Xacobeo Next Generation
Neste marco financeiro, Turismo de Galicia enmárcase tamén un ambicioso proxecto que, como dixo, xa está en marcha. “Trátase da dixitalización dos diferentes elementos e instrumentos da Rede dos Camiños de Santiago en Galicia a través dunha cartografía dixital de todos os Camiños para identificar e vectorizar, coa precisión suficiente, os diferentes elementos territoriais”, explicou.
Xosé Merelles indicou que ademais esta planificación tamén inclúe unha aplicación que permita, en xeral, a xestión, mantemento, agregación de nova información e explotación dos datos por parte de técnicos e especialistas en turismo. Finalmente, tamén se producirá un vídeo 360 xeorreferenciado para cada un dos itinerarios do Camiño de Santiago.
Accesibilidade e sustentabilidade
Referíndose ao proxecto presentado hoxe en Santiago, o director de Turismo de Galicia destacou que Camiño Francés: Camiño 360º “fai accesible ao peregrino o patrimonio cultural, artístico e natural relacionado co Camiño de Santiago, mellorando a sustentabilidade e enriquecendo a oferta turística”.
Ademais, promove o uso de tecnoloxías innovadoras para que “os municipios que forman parte do Camiño gañen en competitividade e sigan promovendo a actividade turística como fonte de emprego e riqueza para fixar poboación”. “E por suposto, tamén axuda a desestacionalizar aínda máis as visitas neste tramo do Camiño de Santiago ofrecendo o coñecemento de atractivos turísticos ao longo de todo o ano”, engadiu.