O Camiño dos Satélites anímanos a participar na marcha xacobea a prol da accesibilidade TIC

mércores, 23 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

O Camiño dos Satélites, tal e como se dixo dende esta web, é unha iniciativa dirixida a pór de relevo a necesidade de esforzármonos (todas e todos) a prol dunha Sociedade da Información que non deixe a ninguén fóra. Tomando como punto de referencia o itinerario xacobeo, a proposta foi presentada en Santiago e máis en Madrid, e entre outros apoios conta co de AGESTIC e a Fundación Tecnoloxía Social (promotoras da actividade) e o de personaxes de renome no eido dos medios de comunicación, como o cantante invidente Serafín Zubiri (na imaxe), unha das persoas que máis se ten manifestado a prol da tecnoloxía universal. Pois ben, segundo nos fai saber a Fundación, a iniciativa non é un programa pechado e dunha única dirección, está aberta arestora ás achegas directas dos internautas.
Deste xeito, habilitouse na propia web do proxecto un formulario de inscrición para quen queira participar na proposta, que collerá corpo no Camiño de Santiago cunha marcha colectiva na que poderemos elixir o número de etapas a percorrer e que tecnoloxías nos cumpriría engadir ás que virán da man da organización.
Estas tecnoloxías son: GPS falado, audioguías, roupa para carretar dispositivos móbiles, comunicación entre peregrinos, acceso a blogs para comunicármonos cos restantes peregrinos ou seguimento da nosa evolución na Rede.
Este percorrido xacobeo-tecnolóxico está deseñado, informa a Fundación que preside o galego Enrique Varela, para unir “a espiritualidade do mesmo coa defensa dun uso responsable das TIC, amosando cómo a tecnoloxía, usada de xeito coherente e deseñada a prol das persoas, fai máis doada a vida de todas e todos”.
Por certo que para quen desexe participar, a organización informa que terán ao seu alcance a posibilidade de participar no documental que se realizará con Serafín Zubiri.
Amais de todo o devandito, a organización ofrece:
· Apoio loxístico (o preciso para a nosa comodidade)
· Atención especializada.
· Aloxamento en albergues privados.
· Seguro de peregrino.
· Mantemento (almorzo, comidas, etc).
Durante o percorrido, un vehículo equipado con todo tipo de equipos TIC amosaralle á cidadanía das diferentes localidades polas que transcorra aquel os diferentes xeitos de facer tecnoloxía excluínte ou ben accesible para todas e todos.
O prezo será de 30 euros por etapa e persoa.
O Camiño dos Satélites 2010 comeza o 4 de outubro en Roncesvalles e remata o 4 de novembro en Santiago.

PUBLICIDADE