O Campus Industrial de Ferrol recunca co seu concurso de robots Mecano para os institutos

venres, 6 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

Traballos previos levados a cabo no IES Pontepedriña

A tecnoloxía úsase pero tamén se fai. Esta idea de usuarios-construtores-programadores é a que subxace baixo a nova iniciativa do Campus Industrial de Ferrol no eido da robótica: a segunda edición do seu concurso de robots Mecano para alumnado de Secundaria. Celebrarase o 31 de outubro e nel, está previsto que participen institutos de todos os recantos da nosa xeografía, mostrando os seus enxeños e logo sendo avaliados por un tribunal formado por investigadores e profesores universitarios. O certame inclúe ademais unha visita guiada polas instalacións da Universidade da Coruña en Ferrol, aos centros formativos e laboratorios de investigación. As actividades comezarán ás 10:00 horas e rematarán sobre as 15:00 horas.
Con anterioridade á devandita data, os organizadores do Campus Industrial de Ferrol visitarán distintos centros para, nas súas palabras, “ver as propostas e os coñecementos de robótica e programación que teñen estes estudantes”. As tomas de contacto in situ, de feito, xa comezaron, e houbo “recaladas” no IES de Ortigueira con alumnado de segundo de Bacharelato e máis no IES Pontepedriña con estudantes de primeiro e de segundo.
Nestas xornadas previas, os técnicos do Campus Industrial de Ferrol compartiron co alumnado información técnica de robótica e tecnoloxía co obxectivo de axudar aos estudantes de cara ao concurso Mecano.

Probas realizadas no IES de Ortigueira

No certame, segundo informa a organización, os participantes deberán presentar un proxecto baseado na construción e no deseño dun robot e na definición de potenciais utilidades que pode ofrecer o mesmo. Para iso, o alumnado aplicará os seus coñecementos en programación creando as ordes precisas e útiles que despois se cargarán no robot para que realice unha correcta execución das ordes propostas.
Ademais das visitas a estes centros, os técnicos do CIF estarán o 9 de outubro no IES Leiras Pulpeiro, Lugo, ás 11:00 horas; o 10 de outubro no IES Saturnino Montojo, Ferrol, ás 10:30h.; o 11 de outubro no IES Sofía Casanova, Ferrol, ás 10:00h.; e ese mesmo día tamén no IES Virxe do Mar, Noia, ás 16:30 horas.
O concurso Mecano do CIF, que vai pola segunda edición, ten como obxectivo “achegar os estudantes ás novas tecnoloxías presentes na industria 4.0, a robótica e a programación”. Ademais da valoración do xurado, os participantes obteñen puntos a través das redes sociais onde se dan a coñecer os proxectos. Segundo lembran os impulsores do certame, na pasada edición participaron un total de 120 alumnos de toda Galicia e o concurso tivo unha repercusión de máis de 40.000 reproducións dos vídeos e un alcance de máis de 120.000 persoas.

PUBLICIDADE