O Campus Terra (USC), á vangarda no emprego de TIC na formación veterinaria

luns, 17 de xullo do 2023 S. P.

A Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC foi quen de situarse á cabeza de Europa en materia de uso das novas ferramentas tecnolóxicas para a formación de novas e novos profesionais. Isto despréndese do acordo aprobado na trixésima sexta asemblea xeral da Asociación Europea de Facultades de Veterinaria de Europa (EAEVE).
Neste foro internacional desenvolvido en xuño na cidade alemá de Leipzig aprobouse que as facultades ou centros de ensinanza superior que impartan a titulación de grao en Veterinaria deberán contar “con un ou varios laboratorios de Habilidades Clínicas, ademais de dispor de aulas de simulación virtual para garantir a calidade da súa formación e superar así os procedementos de acreditación internacional”.
Na dita asemblea xeral da EAEVE situouse o centro universitario do Campus Terra “como referente en España e Europa tanto no uso de novas tecnoloxías para a formación do seu alumnado como na aplicación de prácticas e procesos respectuosos co benestar animal”.
O decano da Facultade de Veterinaria da USC, Gonzalo Fernández Rodríguez, sinalou neste senso que o centro universitario lugués emprega desde hai xa tres anos un laboratorio de habilidades clínicas, dotado de diversos modelos animais, que no presente curso foron empregados en máis de 800 ocasións por estudantes de terceiro, cuarto e quinto curso do grao en Veterinaria, así como dun amplo abano de material acaído para favorecer a formación práctica dos futuros profesionais.
Segundo explica o decano, as dotacións tecnolóxicas facilitaron a práctica e adquisición de coñecementos por parte do alumnado, que puido así repetir os procedementos para acadar maior pericia e completalos “de forma exitosa”. A disposición destes recursos posibilita ao alumnado, segundo subliña Gonzalo Fernández, para acadar “unha mellor preparación antes de realizar procedementos en animais vivos, o que redunda nun maior benestar animal, ademais de facer viábeis outras intervencións que non son posíbeis programar nas prácticas regradas, tal e como poden ser os partos ou determinadas patoloxías cardíacas pouco frecuentes”.
A recente posta en marcha dunha aula de simulación virtual no centro universitario lugués, engade o decano da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, afonda aínda máis nesta nova dimensión formativa, “xa que permite ao alumnado e tamén ao persoal investigador participar de xeito virtual, pero a xeito de protagonista, das distintas actividades e intervencións que se desenvolven nas explotacións gandeiras e mesmo de procesos clínicos e intervencións cirúrxicas”.

PUBLICIDADE