O Campus de Ferrol, ASCM, Cruz Vermella, Movilidad Humana e COGAMI participan nun proxecto alfabetización dixital
luns, 1 de decembro do 2025
Máis de 30 estudantes do primeiro curso do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, titulación que se imparte na Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol, están a participar no proxecto de Aprendizaxe Servizo (ApS) Deseño e Impartición de Obradoiros de Alfabetización Dixital que promoven os profesores Joaquín Enríquez, Begoña Álvarez e Jorge Pérez no marco da materia de Informática Básica.
Ademais da Asociación Sociocultural ASCM Galicia, neste curso académico 2025/26, sumáronse a esta iniciativa Cruz Vermella, Movilidad Humana e a Confederación Gallega de Personas con Discapacidad (COGAMI).
Nas distintas sesións de traballo presenciais, tanto na sede das entidades como na facultade, o alumnado comparte coas preto de 40 persoas usuarias que participan nesta actividade que é e como realizar unha navegación segura por Internet, que é e como usar un certificado electrónico ou mesmo como mellorar o seu currículo e a subilo aos distintos portais de emprego existentes.
A maiores, o estudantado da Facultade de Ciencias do Traballo está a gravar, no Campus Industrial de Ferrol, un podcast divulgativo que se emitirá, ao longo do ano 2026, en Rádio FilispIM grazas ao convenio de colaboración que a emisora ten asinado coa Universidade da Coruña (UDC) para a difusión dos Proxectos de Aprendizaxe Servizo (ApS).
