O Campus de Ferrol acolle estes días un campus tecnolóxico e inclusivo: Compartindo o Norte

mércores, 1 de xullo do 2026 S. P.

O Campus Industrial de Ferrol acolle ata o próximo mércores 8 de xullo, o Campus Tecnolóxico Interuniversitario Compartindo o Norte 2026, unha experiencia formativa e inclusiva dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos con discapacidade intelectual, do desenvolvemento e/ou do espectro autista.
Segundo informa a UDC, trátase da primeira vez que a cidade acolle unha iniciativa destas características, organizada pola Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Cantabria (UC), en colaboración coa Fundación ONCE e co financiamento do Fondo Social Europeo Plus (FSE+), no marco da convocatoria Campus de Verano Universidad 2026.
Nesta primeira edición participan un total de 30 mozos e mozas. Deles, 21 son estudantes do Programa Espazo Compartido da Universidade da Coruña (UDC), mentres que os nove restantes pertencen ao Programa UniDiversidad da Universidade de Cantabria (UC). Durante a súa estancia en Ferrol, todo o alumnado participante neste campamento tecnolóxico interuniversitario estará aloxado na Residencia Universitaria, situada na rúa Sánchez Barcáiztegui.
Ao longo dos próximos oito días, o programa ofrecerá unha combinación de formación práctica, actividades culturais, deportivas e de convivencia, orientada ao desenvolvemento integral das persoas participantes. Entre as propostas figuran obradoiros STEAM centrados na impresión 3D, a robótica e o deseño de videoxogos, ademais da elaboración dun proxecto colaborativo final, denominado Ciencia Compartida. O programa incorporará tamén formación en habilidades persoais e sociais, abordando cuestións como a comunicación asertiva, a xestión emocional, a oratoria e o traballo en equipo, co obxectivo de dotar ás persoas participantes de ferramentas útiles para a súa vida persoal e profesional.
Á programación formativa, impartida por profesorado vinculado ao Programa Espazo Compartido da Universidade da Coruña (UDC), xunto con persoal de Gazapo Xestión (Narón) e da Fundación Enki (A Coruña), súmanse tamén diversas actividades culturais, deportivas e de lecer en Ferrol e na súa comarca. Entre elas figuran unha recepción institucional no Concello de Ferrol, visitas a Exponav e ao Arsenal, varios percorridos guiados pola cidade así como excursións á fervenza do Belelle, á praia de Ares ou ao Castelo de San Felipe, ademais de iniciativas de deporte adaptado.
A programación completarase cunha actividade terapéutica con cabalos, organizada en colaboración con Equiocio Ferrol, que contribuirá a mellorar as habilidades físicas, cognitivas, emocionais e sociais das persoas participantes.
O Campus Tecnolóxico Interuniversitario Compartindo o Norte 2026 concluirá coa presentación dos proxectos desenvolvidos polo alumnado participante. De seguido, terá lugar o acto de graduación e a entrega de diplomas acreditativos, expedidos pola Fundación Universidade da Coruña (FUAC) e máis pola Universidad de Cantabria (UC).
No acto de benvida, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, expresou o seu “máis profundo agradecemento” a todas as institucións e entidades que se implicaron na organización deste campus, “amosando que a colaboración é a mellor ferramenta para construír unha sociedade máis xusta e inclusiva”. Ademais, tanto ela como a directora do Programa Espazo Compartido, Montse Muriano, subliñaron que esta iniciativa lle permite á Universidade da Coruña (UDC) reafirmar o seu compromiso coa responsabilidade social, a inclusión e a igualdade de oportunidades, “promovendo programas que integran a formación universitaria, a innovación e a participación activa na comunidade”.