O Campus de Ferrol acolle o 25 unha xornada sobre IA nas organizacións

venres, 20 de outubro do 2023 S. P.

Senén Barro, director científico do centro CiTIUS da USC

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, o vindeiro mércores 25 de outubro, ás 17:00 horas, unha das sesións de traballo do curso Intelixencia Artificial. A electricidade do século XXI? vinculado ao Ciclo Avances en Ciencia e Tecnoloxía que coordina o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e tamén director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, Senén Barro Ameneiro. O evento está organizado pola Real Academia Galega das Ciencias (RAGC) en colaboración coa Deputación da Coruña, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a Universidade da Coruña, a consultora Plexus e a Xunta de Galicia.
O catedrático do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña, Richard José Duro Fernández, falará, ás 17:15 horas, sobre os retos da robótica realmente intelixente. De seguido, ás 18:00 horas, a directora de Negocio de Sistemas de Navantia, Cristina Abad Salinas, e o codirector do Centro Mixto de Investigación UDC – Navantia, Pablo Fariñas Alvariño, afondarán no papel da Intelixencia Artificial no eido da construción naval. Por último, ás 19:15 horas, intervirá o catedrático do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña, Francisco Javier Bellas Bouza, quen analizará os vínculos existentes entre a educación e a Intelixencia Artificial.
O curso poderá seguirse de xeito presencial, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, e en liña, previa inscrición. Máis información no correo electrónico comunicacion@ragc.gal ou no teléfono 981 554 407.