O Campus de Ferrol acolle un obradoiro sobre impresión 3D, moda e deseño

martes, 16 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Rosa Serrano, impulsora de Chuic Shop, participará no obradoiro /Imaxe vista en e-volucion.es

A Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol (UDC) acollerá este 17 de outubro, ás 17:00 horas, unha sesión de traballo e divulgación sobre as posibilidades dos novos xeitos tecnolóxicos de deseñar e crear no ámbito téxtil. O obradoiro profesional Impresión 3D, Moda e Deseño vén da man do Campus Industrial de Ferrol e conta coa participación da directora da Unidade de Negocio de Impresión 3D e Robótica de BQ España, Astrid Sánchez-Pastor Mata, e da deseñadora e emprendedora en Chuic Shop, Rosa Serrano.
BQ, para quen non o saiba, é unha firma tecnolóxica española con sede en Las Rozas e adicada ao deseño e distribución de dispositivos electrónicos (smartphones, tabletas e computadoras portátiles, principalmente). Polo que se re refire a Chuic Shop, é unha iniciativa de deseño téxtil innovador que aposta pola personalización, a sustentabilidade e, tamén, a impresión 3D integrada en todo tipo de proxectos de seu. Chuic Shop é un proxecto impulsado pola emprendedora Rosa Serrano, que intervirá (como dixemos) no obradoiro deste 17 de outubro.
Segundo informa a organización da cita, a actividade formativa está dirixida ao alumnado dos graos en Xestión Industrial da Moda e en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto. Tamén poderán participar estudantes doutras titulacións do Campus de Ferrol así coma calquera outra persoa interesada na temática a tratar. Para formalizar a nosa inscrición, cómpre facelo a través da conta oficina.campusindustrial@udc.es ou ben mediante o número de teléfono 881 013 621.

PUBLICIDADE