O Campus de Ferrol acollerá a gran final da FIRST LEGO League España en marzo de 2025

venres, 22 de novembro do 2024 S. P.

O Campus Industrial de Ferrol acollerá en 2025, concretamente, o 29 de marzo, a gran final da FIRST LEGO League España (FLL España), un evento organizado pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o Campus Industrial da Universidade da Coruña en colaboración con Ingeniera Soy baixo o patrocinio da Deputación da Coruña, o Concello de Ferrol e a Xunta de Galicia.
A sala anexa ao Salón de Actos Concepción Arenal do campus ferrolán acolleu este venres 22 de novembro a presentación da gran final dun programa internacional que, na súa edición de 2023/2024, reuniu a máis de 1.200 equipos en 34 eventos locais sumando máis de 10.000 participantes en toda España.
Na súa intervención, o presidente da asociación Ingeniera Soy, Javier Butragueño, destacou “a solidez” da candidatura presentada pola Universidade da Coruña recalcando “a experiencia adquirida durante estes últimos 10 anos coa organización da FIRST LEGO League Galicia”, así como a dispoñibilidade de espazos e de persoal voluntario para a súa posta en marcha no Campus Industrial de Ferrol.
Pola súa banda, o coordinador da FLL Galicia, o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) José Antonio Becerra, agradeceu esta oportunidade seguro de que servirá para pór Ferrol, a súa comarca e o seu campus no mapa a nivel nacional.
Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, agradeceu o apoio prestado pola Deputación da Coruña, polo Concello de Ferrol e máis pola Xunta de Galicia así como todo o traballo que teñen realizado as preto de 100 persoas voluntarias que cada ano colaboran na FLL Galicia.
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, aproveitou a súa intervención para sinalar que a Gran Final da FLL España servirá para situar á cidade departamental como o “epicentro da innovación educativa a nivel nacional” nun evento no que se premiará, sobre todo, o enxeño e a creatividade.
A concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons, agradeceu a elección de Ferrol como sede do evento e puxo en valor “todo o traballo que realiza o profesorado e alumnado implicado neste programa educativo internacional fóra de horario lectivo, botando man do seu tempo libre e de ocio”.
Para rematar, o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez, e o director da Escola Politécnica de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz, reafirmaron o seu compromiso cun evento que permite achegar aos máis novos ao eido da enxeñaría seguros de que esta iniciativa seguira medrando edición a edición.
Que é a FIRST LEGO League?
A FIRST (siglas de For Inspiration and Recognition of Science and Technology) LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas de entre 4 e 16 anos, divididos en 3 categorías, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovábeis. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas gozan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación.
Desde o ano 2022, a asociación Ingeniera.soy é a entidade que impulsa a FIRST LEGO League en España en colaboración co 20% das universidades españolas, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación como socios. Ademais, a iniciativa é posíbel grazas á colaboración de empresas e entidades que achegan aos participantes aos coñecementos e profesións STEAM.