O Campus de Ferrol acollerá a nosa primeira estrutura investigadora en Industria 4.0
martes, 10 de xullo do 2018
O Campus
Industrial de Ferrol organizou esta mañá a xornada de innovación
Aposta pola Industria Intelixente de Ferrolterra,
na que participou medio centenar de persoas, principalmente membros
dos tecidos universitario e empresarial da contorna. No marco da
xornada, amais de diferentes propostas para facer avanzar
dixitalmente os sectores produtivos da bisbarra, presentouse o
proxecto da Universidade da Coruña de creación da agrupación
estratéxica de investigación i3.
O reitor da UDC, Julio
Abalde, explicou no acto inaugural que o cometido desta rede responde
ao obxectivo de dar forma a unha “unha organización máis
competitiva e multidisciplinar e cunha maior transferencia de
coñecemento de cara ás empresas e á industria da área de Ferrol”.
Pola súa banda, Anne
Gosset, coordinadora desta agrupación, concretou a proposta que
integra a investigadores do Campus de Ferrol de sete grupos de
traballo. Segundo fixo saber, a investigación desta agrupación,
denominada i3, está orientada aos sectores estratéxicos de Galicia
do naval, enerxía e téxtil, e o seu obxectivo é a creación do
Centro de Investigación de Excelencia no marco da Industria
Intelixente e a Fabricación Avanzada, que se chamará Ci3.
Gosset engadiu que a
proposta será presentada ante a Xunta de Galicia, que decidirá a
súa aprobación, e no caso de que a conceda será “a primeira
estrutura investigadora de Galicia orientada de maneira exclusiva á
industria intelixente”.
No acto de inauguración,
o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro,
declarou que “desde a Xunta sempre se apostou porque as
universidades sexan líderes en investigación en Galicia”. Díez
de Castro asegurou que “as universidades estanse a transformar sen
facer moito ruído” e que “hai unha revolución silenciosa nos
campus”, insistiu.
Na apertura da xornada
participou tamén a directora da Axencia Galega de Innovación
(GAIN), Patricia Argerey, quen tamén felicitou á UDC non só pola
organización desta xornada senón “pola visión e orientación
deste campus cara ao contorno industrial no que nos atopamos”.
Segundo fixo saber, “a especialización dos campus é unha
necesidades e neste caso, a UDC está sabendo dar resposta ao
contorno da comarca de Ferrol e da industria intelixente que desde a
Axencia tamén estamos tratando de impulsar”.
A xornada continuou toda
a mañá con diversas intervencións en que participaron
representantes de diversas asociacións empresariais e industriais da
comarca, nunha sesión que, como dixemos, contou coa asistencia de
medio centenar de persoas.