O Campus de Ferrol luciu potencial innovador na Maker Faire Galicia de Santiago

luns, 1 de xullo do 2024 S. P.

Este sábado celebrouse a primeira xornada da edición 2024 da Maker Faire Galicia, a feira de tecnoloxías argalleiras de Santiago. Celebrouse en Área Central e contou coa participación, entre outras entidades, da Universidade da Coruña, concretamente do Campus Industrial de Ferrol, que amosou todo o seu potencial innovador. Ao longo de toda a xornada, o público asistente puido achegarse ata o stand da Universidade da Coruña para coñecer algúns dos proxectos nos que está a traballar o persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).
Deste xeito, o grupo de investigación en Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) facilitou varios tecidos flexibles e un par de soletas personalizadas en impresión 3D. O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica achegou a súa órtese activa para lesionados medulares e unha rótula para a simulación de movemento en artroplastia total no xeonllo. Pola súa banda, o Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) contribuíu cunha mostra de fabricación, reparación e de mellora de pezas botando man da fabricación aditiva DED e o Laboratorio de Plásticos (LabPlast) cunhas pequenas pezas impresas con polímero e pousos de café.
Con motivo do seu décimo aniversario, a organización da Maiker Faire Galicia programou tres xornadas independentes sendo a primeira a que tivo lugar, este sábado 29 de xuño, no Centro Comercial Área Central de Santiago de Compostela. A segunda está prevista para o 8 de novembro na sede da Fundación Laboral da Construción e a terceira, programada para o 13 de decembro, nas instalacións do Biopolo Sionlla. O programa desta primeira feira, titulada Emprendemento e Innovación Social, contou con charlas, obradoiros e presentacións de máis de 45 proxectos nas categorías de Minimakers, Makers, Divulgación e Innovación Social.

PUBLICIDADE