O Campus de Lugo acolle un ciclo de relatorios sobre innovación, mercadotecnia e transformación

xoves, 14 de novembro do 2024 S. P.

O grupo de innovación docente en Xestión de Datos e Novas Tecnoloxías na Educación en Márketing organiza esta tempada un completo programa de actividades centradas na revolución tecnolóxica do que se coñece como mercadotecnia. Falamos de MarketingHub: ciclo de charlas sobre innovación, márketing e transformación dixital que se desenvolverá na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo os días 13 e 21 de novembro e o 18 de decembro.
No marco desta iniciativa participarán profesionais e persoal académico de recoñecido prestixio sobre as ditas áreas de actividade profesional e empresarial e o impacto da tecnoloxía nestas áreas. Todos os relatorios terán lugar no salón de graos do centro.
Jaime Landeta, co-fundador e actual director executivo de Apodemia, unha cadea de xoiería de autoría, impartirá o relatorio deste mércores 13, ás 11.00 horas. Jaime Landeta estudou Ciencias Económicas e complementou a súa formación cun mestrado de Análise e Valoración de Empresas (IEB). Antes de lanzarse ao mundo emprendedor con Apodemia, gañou experiencia profesional en grandes compañías como BBVA e Altium Capital. Esta charla é de acceso libre e aberta ao conxunto da cidadanía.
A charla do 21 de novembro, ás 12.00 horas, diríxese especificamente a alumnado que cursa Investigación Comercial nos graos en ADE e Empresa e Tecnoloxía. O relator é Juan Graña, fundador e director executivo (CEO) de Neurologyca dende 2013. Neurologyca é unha empresa líder en Neuro Intelixencia Artificial (NeuroIA) que combina tecnoloxías avanzadas de neuromarketing con Intelixencia Artificial centrada no ser humano. Graña é un profesional da mercadotecnia e especialista no desenvolvemento e aplicación de tecnoloxías e metodoloxías baseadas na neurociencia para mellorar o coñecemento dos procesos cognitivos das persoas. Posúe unha ampla experiencia en consumer insights, consultoría e investigación de mercado traballando para marcas como Pepsi, Nestlé, Volkswagen, Movistar, Banco Santander, Orange, Verisure - Securitas Direct, Mediaset, Atresmedia, entre outras. Foi galardoado en 2022 como CEO do Ano nos Premios La Razón (Grupo Planeta), na categoría Neurociencia e investigación de mercado.
Gustavo Pernas de EMEA Client Services Lead at Tik Tok e con experiencia previa en compañías como Google, Facebook/Instagram ou Pinterest, será o relator do 18 de decembro, ás 12.00 horas. Egresado da Universidade de Santiago de Compostela, Pernas realizou despois un ciclo superior de Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas e tamén un MBA na Bussiness School Hult, en Londres.