O Campus de Lugo e a Deputación felicitan ao alumnado que rematou o Grao en Robótica

venres, 26 de xuño do 2026 S. P.

Este venres 26 de xuño celebrouse o acto de graduación dos alumnos e alumnas que remataron o Grao en Robótica da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela.
No evento, que tivo lugar no Salón de Actos da Facultade, participaron (entre outras/os) o director da Escola, Carlos Amiama, o vicerreitor Roberto Bande e máis o deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón, quen felicitou aos titulados e as súas familias e recalcou que “ao longo destes anos aprendestes programación, electrónica, automatización, intelixencia artificial e moitas outras disciplinas, pero sospeito que tamén aprendestes algo que non aparece nos plans de estudo: a convivir coa incerteza e a seguir buscando respostas cando non son evidentes”.
O deputado recordou que “na Deputación de Lugo compartimos esa convicción. Por iso apoiamos á USC e ao Campus Terra, porque sabemos que detrás de cada estudante, de cada grupo de investigación e de cada proxecto universitario hai oportunidades para construír unha provincia con máis talento, máis innovación e máis futuro”.