O Campus de Lugo formará profesionais en aplicacións robóticas para o agro

venres, 20 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago vai ofrecer ao alumnado novas e interesantes posibilidades de formación relacionadas coas novas tecnoloxías aplicadas aos nosos sectores tradicionais. Trátase dos títulos de grao en Enxeñaría Robótica e Xestión Cultural, que veñen de ser aprobados pola USC para comezar a impartirse na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e máis na Facultade de Humanidades durante o curso 2019-2020. Os títulos foron dados a coñecer no Campus de Lugo polo reitor Antonio López e as vicerreitoras de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e de Titulacións, María Victoria Otero.
Estruturado en 240 créditos ECTS, repartidos ao longo de catro cursos académicos, o grao en Enxeñaría Robótica antóllase como “unha oportunidade o desenvolvemento da robótica agrícola e agroforestal en Galicia”, sinalou o reitor, engadindo que “ofrece unha ampla carga de optatividade, un abano no que se inclúe un itinerario específico de 30 créditos ECTS orientado cara a agroRobótica”. Tamén fixo saber que a consecución do grao en Enxeñaría Robótica con mención de AgroRobótica esixe cursar un mínimo de 30 créditos ECTS dun bloque específico que ofrece seis materias diferentes: economía do sistema agroalimentario e forestal, agricultura intelixente, robótica na agroindustria, robótica aplicada ao medio forestal e natural, plataformas robotizadas de uso agroforestal e teledetección mediante drons e satélites. A USC propón que a oferta de matrícula deste grao sexa de 50 prazas.
Polo que atinxe ao novo grao en Xestión Cultural da USC é tamén un título singular do Sistema Universitario Galego que ofertará a USC na súa Facultade de Humanidades de Lugo, tamén a partir do curso 2019-20. Esta nova titulación, que ofrecerá 45 prazas de matrícula no primeiro curso, está estruturada en 240 créditos ECTS repartidos ao longo de 4 cursos académicos, que se poden seguir de xeito presencial ou semipresencial. O obxectivo desta nova titulación é “formar a profesionais para satisfacer a crecente demanda rexistrada en Galicia de persoal especializado en xestionar a cultura, elaboración e difusión de proxectos e de conservación da cultura e do patrimonio”. Tamén se busca “a formación de profesionais con capacidade crítica e comprensiva coa diversidade cultural”, ademais de “coas competencias de emprendemento que esixe o horizonte dixital nos ámbitos privado, público e mesmo no terceiro sector”.

PUBLICIDADE