O Campus de Ourense acolle a oitava edición da feira eXXperimenta en Feminino
luns, 17 de febreiro do 2025
O pasado venres, 14 de febreiro, o campus de Ourense acollía a oitava edición da feira eXXperimenta en Feminino, a cita anual coa divulgación científica e co fomento da igualdade no eido CTEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). Neste encontro reúnense cada ano un amplo colectivo de persoal docente e investigador da UVigo, principalmente mulleres, co obxectivo de contribuír a rachar dous teitos de cristal neste eido: a falta de referentes femininos científicos na sociedade e a desproporción entre homes e mulleres nas carreiras científico-tecnolóxicas.
A feira, que se desenvolveu no edificio Politécnico, organízase co gallo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e nela participan máis de medio centenar de persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Amais conta co apoio do Campus Auga; das unidades de Cultura Científica e Igualdade da UVigo e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Pola mañá participaron na feira máis de 300 estudantes de quinto e sexto de Educación Primaria, de Educación Secundaria Obrigatoria e de Bacharelato de sete centros educativos das provincias de Ourense e Pontevedra, pola tarde a feira estivo aberta ao público interesado.
Cómpre dicir que esta iniciativa, coordinada polas profesoras Julia Carballo, Nieves Lorenzo, Alma Gómez e Olga Escuredo, conta xa cun equipo moi implicado e organizado, achegando desta volta 13 postos científicos diferentes nos que as e os escolares poden para facer todo tipo de experimentos e coñecer tanto as titulacións CTEM que se imparten en Ourense como persoas que nelas traballan ou estudan.
Na mañá, as e os escolares percorreron cada un dos postos da feira: puideron ver microorganismos da auga; coñecer o valor oculto na biomasa; crear un arco da vella; coñecer como se forman as nubes e os tornados e a loita insectfriendly contra a vespa velutina. Tampouco faltaron experiencias como ver como funciona un túnel de vento de aeronáutica; programar con ferramentas sinxelas; coñecer como os residuos poden ter unha segunda vida e como a ciencia e cociña se mesturan en técnicas como a esferificación e a xelificación. A beleza e o poder das encimas; recrear o afundimento e explosión do buque Casón; facer un escape room para aprender os conceptos de refinería e de biorefinería e obradoiros prácticos sobre etiquetado alimentario foron outras das propostas de eXXperimenta en Feminino.
De xeito parello a esta feira, na programación da tarde incluíuse a entrega dos premios do IX Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, convocado polo mesmo colectivo da Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, co apoio da Unidade de Igualdade. En total, presentáronse máis de 170 traballos. Na categoría de Educación Primaria, na modalidade visual, de debuxos-collages, o primeiro premio foi para Valery Zaybel Mejías (do Colexio Padre Feijoo-Zorelle de Ourense); o segundo para Carlota Piñeiro (Colexio Maristas Santa María de Ourense) e o terceiro para Helen Anayelly Raymundo (Colexio Padre Feijoo-Zorelle). Non se concederon premios na categoría literaria ao non presentarse propostas. Na categoría de Educación Secundaria, na modalidade literaria o primeiro premio foi para Lucía Matías Fernández (IES Allariz); o segundo para Naír González (IES Julio Prieto Nespereira) e o terceiro para Melany García (IES 12 de Outubro). Na modalidade visual de debuxos-collages o primeiro premio foi para Antía Luaces (IES 12 de Outubro); o segundo para Carmen Mazarro (CPR Plurilingüe La Purísima) e o terceiro para Mara Santos (Colexio Santo Ángel) os tres centros de Ourense. Na modalidade visual de fotos, Sara Bolón e Noa García (ambas do CPR Plurilingüe La Purísima) gañaron respectivamente o primeiro e segundo premio e o terceiro foi para Diana Alexandra Moscu (Colexio Santo Ángel).