O Campus de Ourense acolle os días vindeiros unhas xornadas a prol da igualdade nos videoxogos

venres, 17 de novembro do 2017 Redacción

Os días 28 e 29 de novembro vaise celebrar no Campus de Ourense unhas xornadas destinadas directamente a loitar a prol da igualdade de xénero na industria do videoxogo, un ámbito, todo hai que dicilo, onde segue a haber maioría profesional de homes e que fica aínda inzado (en forma e máis en contido) de estereotipos de xénero que cómpre superar. Estamos a falar das xornadas Videogamificación e sexualidades: identidades, xéneros e discursos interactivos. Consecuencias para a industria e a educación. A respecto dos porqués da organización deste encontro, as docentes María Isabel Doval, da Facultade de Ciencias da Educación, e Alma Rodríguez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, teñen claros os moitos motivos polos que cómpre visualizar o sexismo no sector: “A industria do videoxogo segue lonxe dos estándares de igualdade que debería manter”.
Segundo engaden as coordinadoras da iniciativa, “cada vez son máis as mulleres de peso na industria e as protagonistas femininas nos videoxogos e tamén son xa case a metade da porcentaxe de xogadoras habituais”. Porén, matizan, “as mulleres só conforman o 22% do sector de desenvolvemento e un 10% do cadro de competidores e competidoras profesionais en ligas”. Neste contexto, recalcan, xorde a necesidade tanto de dar a coñecer “o verdadeiro papel da muller na industria, da man de xornalistas, desenvolvedoras, estudantes, artistas e xogadoras profesionais”.
As xornadas Videogamificación e sexualidades, patrocinadas pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, abranguerá conferencias, presenciais ou non, e diferentes mesas redondas e obradoiros prácticos, contando coa participación de expertos e expertas de diferentes eidos tanto do mundo profesional como académico. As actividiades arrancarán cunha conferencia sobre a reprodución de microculturas patriarcais e masculinidades hexemónicas a través dos videoxogos, a cargo de Jorge García, sociólogo da Universidade de Santiago de Compostela, e rematará cun obradoiro no que as persoas participantes probarán diferentes videoxogos para ver como se representa neles a sexualidade e levar a cabo unha análise crítica.
As xornadas están dirixidas sobre todo (aínda que non de xeito exclusivo), ao alumnado. As persoas interesadas poden inscribirse de balde ata o 26 de novembro en videojuegosygenero@uvigo.es.


PUBLICIDADE