O Campus de Ourense animou ás nenas da provincia a convertérense en profesionais TIC e científicas

luns, 19 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana, tendo como base o día 11 de febreiro, celebrouse a nivel internacional o Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia, unha conmemoración sen fronteiras que, como indica o seu nome, diríxese a conmemorar o espírito científico das mulleres e as cativas e, tamén, a reparar unha inxustiza de séculos que, aínda hoxe, perpetúase a moitos niveis (a invisibilización das mulleres e as cativas creadoras). Os días pasados fixemos reconto en Código Cero das actividades preparadas pola USC e a UDC para conmemorar o acontecemento. A maiores, a Universidade de Vigo sumouse á celebración cunha manchea de accións divulgativas e reivindicativas que permitiron cousas como crear videoxogos ou facer achados científicos. Os actos discorreron coa seguinte proclama: “Hai unha lista moi larga de mulleres que dedicaron a súa vida á ciencia, todas mulleres incríbeis que axudaron e axudan ao desenvolvemento das ciencias, quizais algún día unha de nós tamén forme parte dese grupo”.
A dita proclama, extraída do segundo Concurso Escolar de Debuxo e Redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia organizado ao abeiro das actividades da UVigo para conmemorar esta xornada, veu da man da nena Noa Rodríguez, que foi quen se impuxo (cunha redacción de seu) no devandito certame. A Universidade por enteiro adheriuse ás súas palabras, tal e como se fixo saber o pasado venres na I Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas.
A xornada estivo organizada pola Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, coa colaboración da Vicerreitoría do campus, co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Co lema Exxperimenta en feminino, a actividade reuniu no Edificio Politécnico a arredor de 300 escolares da provincia de Ourense co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as futuras xeracións poñendo o foco en mostrar o labor das mulleres científicas e tecnólogas. Ao longo da mañá, os estudantes puideron participar nunha ducia de actividades “cun enfoque divulgativo, interactivo e ameno”. Estas accións, sinalan as organizadoras, permitiron á rapazada asistente poñerse na pel de científicas da vida (tiveron a oportunidade de albiscar microorganismos na auga) ou de desenvolvedores de ferramentas dixitais (puideron crear pequenos videoxogos).
No desenvolvemento das actividades participou persoal docente e investigador dos tres centros implicados nesta iniciativa, principalmente mulleres.
A nivel docente, na xornada participaron as profesoras Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo. Segundo fixeron saber, cómpre tomar medidas ante o descenso que se está a producir de mulleres nas titulacións ligadas ás TIC e á ciencia e á enxeñaría. Citando como exemplo o caso da Escola Superior de Enxeñaría Informática da que ela é subdirectora, Alma Gómez advertiu como “se hai 20 anos as mulleres representaban arredor do 30% do alumnado de novo ingreso da nosa escola na actualidade é un 10/12%. Estase perdendo o talento da metade da poboación”. Neste contexto de preocupación, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense, salientou como a posta en marcha de Exxperimenta en feminino “é unha iniciativa fantástica e moi necesaria, que ten ademais o valor de xurdir do propio profesorado de varios centros”.

PUBLICIDADE