O Campus de Ourense debullará as utilidades da HPC para loitar contra o cambio climático

xoves, 5 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

En outubro a nosa terra vai acoller un importante encontro investigador arredor dunha das principais (e vitais) utilidades das tecnoloxías de alto rendemento na computación: a posibilidade de achegar recursos e respostas para predicir e pór freo ás catastróficas consecuencias do quecemento da Terra. Estamos a falar das xornadas HPC for Geophysical Fluid Dynamics 2019. As sesións, que teñen o obxectivo concreto de “presentar os últimos avances na aplicación de técnicas HPC (High Performance Computing) no desenvolvemento de modelos numéricos para a simulación de fluídos”, contarán coa presenza activa do CESGA, que protagonizará dous obradoiros sobre os usos prácticos da súa tecnoloxía HPC. A cita será os días 16 e 17 de outubro na aula Marie Curie do Edificio Politécnico da Facultade de Ciencias, Campus de Ourense.
Segundo informan os organizadores do evento, un comité local encabezado polos investigadores da UVigo José Manuel Domínguez Alonso e Orlando García Feal, a base temática das xornadas serán as tecnoloxías de cómputo avanzadas e o modelado numérico, unha ferramenta fundamental para a xestión de recursos e prevención de riscos relacionados coa auga. Segundo indican, “o dito modelado é importante para predicir o comportamento dos sistemas de protección costeira ante temporais cada vez máis frecuentes e con maior intensidade debido ao cambio climático e para desenvolver mapas de risco ante inundacións provocadas por períodos intensos de choiva”.
Este tipo de metodoloxías de simulación require decote grandes dominios con alta resolución, o que “supón un elevado custo computacional”, explican, engadindo que a devandita situación fai precisa o uso de técnicas de HPC para aproveitar os amplos recursos de cálculo que ofrecen os centros de supercomputación”.
Durante estas xornadas vanse presentar os últimos avances no desenvolvemento dos modelos numéricos IBER, IHFoam e DualSPHysics, así como aplicacións que só se poden estudar grazas ao uso de HPC. Os asistentes terán a oportunidade de escoitar os relatorios de expertos no modelado numérico e a computación de alto rendemento, así como aos propios desenvolvedores destes modelos.
O equipo de organización inclúe expertos de diferentes países que usan HPC en investigacións de excelencia..

PUBLICIDADE