O Campus de Ourense doa 26 equipos informáticos ao CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel

martes, 11 de maio do 2021 S. P.

O Campus de Ourense vén de doar algo máis de dúas ducias de computadores ao CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel. Trátase de 26 equipos informáticos convenientemente actualizados e postos a punto, froito dunha renovación tecnolóxica da Vicerreitoría do Campus de Ourense, que transformou a sala con ordenadores de libre acceso para o alumnado nunha aula de prácticas. Nesta reforma, os equipos informáticos existentes foron substituídos por outros acordes á nova función do espazo.
Na iniciativa, ademais da Vicerreitoría do Campus de Ourense participaron e colaboraron, con material e horas de traballo de persoal seu, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) e o Servicio de Atención a Usuarios/as e Microinformática da UVigo. Os equipos doados contan con monitor, teclado e rato e foron reacondicionados con discos sólidos. Ademais, optimizóuselles o seu sistema operativo e realizáronselles as actualizacións necesarias para poder ser usados en tarefas ofimáticas e de consulta por Internet. Estes recursos serán empregados principalmente polo alumnado do eido sanitario do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense.

PUBLICIDADE