O Campus de Ourense introduce nos drons á comunidade de estudantes

luns, 14 de maio do 2018 Redacción

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense acollerá entre o 21 e o 25 de maio unha nova edición (a segunda) do seu curso Introdución aos sistemas aéreos non tripulados. Con carácter presencial, con 25 horas de duración e un máximo de 20 participantes, o obradoiro será impartido de novo en horario de mañá nas instalacións da Escola por Higinio González Jorge, profesor contratado doutor da Área de Xeodesia e Teledetección da Universidade de Vigo e piloto certificado de drons dende o ano 2014.
Segundo explican desde a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, o docente conta con experiencia tanto a nivel de desenvolvemento como operación con diversos sistemas aéreos non tripulados, tanto de ala fixa como rotatoria, así como no relativo a subsistemas de navegación e sensores de imaxe embarcados, tanto activos como pasivos. Pertence, engaden, ao comité Aenor-CTN28 de certificación de UAS.
Os contidos do obradoiro artéllanse en dúas partes. Unha primeira terá un carácter principalmente teórico e constará de módulos de introdución e conceptos xerais; de enerxía, propulsión e control; de subsistemas de sistemas áreos non tripulados e de aplicacións dos mesmos. A segunda parte terá unha faciana máis práctica e nela levaranse a cabo módulos de especificacións técnicas de sistemas aéreos non tripulados e planificación de voo fotogramétrico e procesamento de datos. Ademais, as e os participantes achegaranse nesta parte aplicada ao uso de Arduino para drones e realizarán, por último, unha visita de estudos ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas.
A actividade formativa, na súa primeira edición, foi copada case exclusivamente por estudantes (unha vintena) da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense. Porén, o obxectivo da organización é abrir a actividade a alumnado de diferentes graos de diferentes enxeñarías, desde a Forestal ou Enerxía ata Telecomunicación ou Informática.
A actividade adiántase no calendario para que a súa celebración sexa coetánea á celebración do II Congreso Internacional de Drones que organiza en Ourense do 24 ao 26 de maio o Colexio Oficial de Graduados Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións e a Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación. “A escola tamén participa nalgunha mesa deste congreso e quixemos que o alumnado do curso que vamos a impartir tamén puidera achegarse ao congreso se é do seu interese”, comenta o director da escola do Campus de Ourense, Arno Fornella.

PUBLICIDADE