O Campus de Ourense pon en valor as súas árbores con códigos QR

xoves, 8 de febreiro do 2018 Redacción

Tecnoloxía e coñecemento e preservación da natureza non teñen porqué estar rifadas. De feito, de camiñaren xuntas, adquiriremos novas dimensións sobre a natureza que nos rodea, e esta, ademais, terá máis garantida a súa conservación. Por este vieiro está a transitar o Campus de Ourense, que conta dende 2007 cun salientábel itinerario verde, a Ruta das Árbores, que, amais de ser un lugar para o lecer e para reivindicar o respecto pola natureza, serve de exemplo do que podería ser un bosque universitario ideal (conta cunha chea de especies de todo o mundo, a xeito de resumo do que debe ser un campus: un entrecruzamento de coñecemento diverso). Para impulsar esta ruta, o campus emprazou códigos QR nas árbores do percorrido. Agora, os visitantes poderán recoñecer as diferentes especies e saber máis da súa orixe e características a través dos seus teléfonos móbiles,
Segundo explica José Manuel Pérez, responsábel de zonas verdes e xardinería do Campus de Ourense, hai arredor dun millar de árbores e arbustos de máis de 170 especies diferentes repartidas nas diferentes zonas verdes universitarias. Para pór en valor esta riqueza natural, apunta, téñense levado a cabo diferentes accións, como unha publicación, a sinalización de especies ou visitas guiadas para grupos. Agora, a tecnoloxía vén de permitir un novo e importante paso neste proceso de revalorización, levado a cabo pola Vicerreitoría do campus e a Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo.
Para comezar, a iniciativa implicou o fornecemento de códigos QR nos paneis informativos sobre o Campus emprazados nas diferentes entradas das rutas. Segundo lembran os impulsores da iniciativa, “esta ferramenta permite por medio de teléfonos intelixentes ou tabletas que teñan instalado Google Maps e un lector de códigos QR coñecer o nome das árbores ao pasar a carón delas. Poden tamén ter máis información de cada exemplar premendo sobre as iconas e as ligazóns propostas”. Os usuarios só terán que ler coas aplicacións para códigos QR dos seus teléfonos os códigos situados nos paneis informativos. O uso do GPS, indican, tamén permite ás persoas interesadas ser guiadas polo campus en busca da especie que queren ver entre todas as dispoñíbeis.
Alén de poder acceder de xeito inmediato e amplo á información de cada árbore, indica Pérez Teijeiro, unha das vantaxes deste sistema é que “permite visualizar no seu conxunto, de xeito global, a diversidade de especies con que contamos e ter unha imaxe de como están distribuídas fisicamente polas diferentes zonas”. Esta visualización, sinala, non é posíbel obtela consultando só os paneis informativos situados ao carón de parte das árbores ou o libro do roteiro.

PUBLICIDADE