O Campus de Pontevedra achega en aberto catro cursos para impulsar as nosas capacidades con tecnoloxías

martes, 13 de marzo do 2018 Redacción

A Vicerreitoría do Campus de Pontevedra (UVigo) vén de presentar os seus cursos de verán: catro actividades formativas que teñen aberto xa o prazo de inscrición e que mostran o nexo común de abrir xanelas ás tecnoloxías do futuro e motivar as capacidades creativas e innovadoras que todas e todos levamos dentro. Os cursos xirarán arredor das seguintes temáticas: a aplicación dos últimos avances da neurociencia no proceso de aprendizaxe, as posibilidades que achega á produción artística a impresión tridimensional, as novas tendencias na prevención e recuperacións de lesións no deporte e as posibilidades que outorga a robótica e o encerado dixital no ensino das ciencias. Con 250 prazas, contando todos os obradoiros, estes estarán novamente abertos á participación de toda a cidadanía. Desenvolveranse no mes de xuño nas facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Belas Artes e nelas combínanse “novas propostas que serven tamén para completar a formación do alumnado do campus, xunto con cursos que tiveron moi boa acollida en anteriores edicións”, como salienta o director da Área de Extensión Cultural do Campus, Manuel Morquecho.
Neurociencia na escola
“As últimas investigacións en neurobioloxía sobre o funcionamento do noso cerebro na aprendizaxe demostran cousas que xa sabíamos pero que non se aplican, como que o aumento da consolidación de novos coñecementos está relacionado coa creatividade, coa curiosidade, co movemento, coa autonomía, é dicir con factores de motivación intrínseca”, salienta a profesora de Ciencias da Educación e do Deporte, Margarita Pino, responsábel de Aplicacións da neuroeducación na escola. Entre o 4 e 8 de xuño, investigadores e investigadoras do grupo Gies-10, que coordina esta docente, e da rede Ries abordarán técnicas e estratéxicas para aumentar a motivación do alumnado na aula.
Ciencias con robótica
Nesta facultade desenvolverase tamén, entre o 5 e o 21 de marzo, Ensinar ciencias con robótica, programación e produción de contidos multimedia para encerado dixital, un obradoiro coordinado pola profesora María Álvarez Lires que dá continuidade aos cursos de verán celebrados nos últimos anos, incorporando novos contidos. Nese senso, o manexo do kit Science Learning Resources e o desenvolvemento de novas actividades interactivas para o encerado dixital figuran entre os novos contidos dun taller dirixido a “desenvolver as competencias tecnocientíficas do futuro profesorado”, como sinala outra das responsábeis desta actividade, a investigadora María Lorenzo.
Deporte e tecnoloxía
Outra das actividades é Estratexias para a prevención e recuperación de lesións na actividade física e o deporte, un curso dirixido polo catedrático Carlos Lago que dá continuidade a seminarios anteriores poñendo o foco novas tendencias na prevención e recuperación de lesións, dar a coñecer as posibilidades laborais que no eido do deporte. De carácter práctico e dirixido tanto a estudantes e profesionais vinculados ao eido do deporte como ao sanitario, o curso que se desenvolverá entre o 4 e o 6 de xuño en Ciencias da Educación e do Deporte reunirá no campus a “profesionais excelentes” formados ou vinculados a esta facultade.
Impresión dixital en 3D
Por último, tamén o 4 de xuño dará comezo, na Facultade de Belas Artes, outra das novidades desta oferta formativa, o curso Facendo físico o intanxíbel. Introdución á impresión dixital tridimensional, unha actividade que dá continuidade a outros obradoiros sobre impresión 3D que se desenvolven no campus centrándose desta volta “no aspecto creativo desta tecnolóxica e as súas posíbeis aplicacións no ámbito das artes plásticas e belas artes en xeral”, como sinala o seu responsábel, Ignacio Pérez.

PUBLICIDADE