O Campus de Pontevedra acolle este mércores a celebración do Día das Redes Galegas

martes, 24 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Este 25 de abril celébrase, para quen non o saiba, o Día das Redes Galegas, co epicentro no Campus de Pontevedra. Trátase dunha xornada con dous obxectivos definidos: salientar a figura dos responsábeis de comunidades virtuais e mostrar o importante potencial do alumnado (futuras/os profesionais) da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A cita arranca no salón de graos deste centro a partir das 9.30 horas, nun acto que conta coa presenza de Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do Campus en funcións; Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Paulo Cabral, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo; e Xabier Martínez Rolán, director das xornadas.
Na organización do evento atópase o profesor Xavier Martínez Rolán, en colaboración coa dita Facultade, a Vicerreitoría do Campus, a Área de Normalización Lingüística da Universidade (ANL) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A xornada contará un ano máis cun panel de conferenciantes moi destacábel: as/os tituladas/os de Ciencias Sociais e Comunicación.
Entre as relatoras figuran (entre outras) Lucía Gómez, directora de mercadotecnia de contidos e medios sociais de Elogia, a referencial axencia de márketing con sede en Vigo; Cristina García, responsábel de comunicación dixital en Esmerarte Industrias Creativas, firma centrada en promoción cultural ao abeiro das novas ferramentas e en facer comunidade arredor do fenómeno creativo; ou Jorge Medal, redactor e guionista de formatos televisivos,
Xunto ás devanditas relatoras, o Día das Redes Galegas contará tamén coa presenza activa de Cristina Rodríguez, técnica de normalización lingüística da ANL, que abordará neste evento a experiencia de Youtubeir@s, proxecto promovido polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, nove concellos e a Deputación da Coruña e dirixido a dar visibilidade ao uso do galego a través dun concurso nesta rede social.
Tralas intervencións iniciais de cada conferenciante, a xornada, que será retransmitida por UVigo-TV, completarase, a partires das 12.00 horas, cun coloquio moderado polo profesor Alberto Dafonte.

PUBLICIDADE