O Campus de Pontevedra acolle un ciclo de conferencias sobre a fenda de xénero na comunicación dixital
mércores, 20 de setembro do 2023
Loitar
contra o teito de cristal da comunicación en materia de xénero.
Este é un dos obxectivos das conferencias A
fenda de xénero dixital: construíndo a Internet
e as relacións sociais dende o empoderamento feminino, que
entre os meses de setembro e novembro desenvolverase na Facultade de
Comunicación do Campus de Pontevedra. Haberá relatorios sobre os
nesgos de xénero da Intelixencia Artificial, os estereotipos e
desigualdades que poden atoparse na comunicación dixital ou un
obradoiro de memes feministas, entre outros contidos.
As
conferencias contan con patrocinio da Unidade de Igualdade da
Universidade de Vigo e son promovidas polo grupo de innovación
docente Academ-IA (Intelixencias Artificiais en Educación). Así
mesmo, esta semana arranca tamén o III Seminario de Alfabetización
contra a Desinformación, promovido polo grupo de innovación docente
Dixitais, tamén da Facultade de Comunicación.
Coordinadas
polo profesor Xabier Martínez Rolán, estas xornadas formativas
vincúlanse coa docencia de diferentes materias dos graos en
Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas, así
como do mestrado (master) en Comunicación en Medios Sociais e
Creación de Contidos Dixitais.
Abertas
ao público ata completar a capacidade da sala, estas conferencias
buscan tamén promover unha reflexión entre os futuros e futuras
profesionais respecto dese “teito de cristal” existente no sector
da comunicación e en como este se amplía cando “introducimos a
variable tecnolóxica, por exemplo, no relativo ao deseño web e o
desenvolvemento de aplicacións móbiles”. A través das achegas de
expertas e profesionais, o ciclo busca tamén pór o foco “en como
a tecnoloxía pode usarse para apoiar os dereitos e o apoderamento
das mulleres”, así como proporcionar “recursos para combater a
desigualdade entre homes e mulleres no que se refire ao acceso e o
uso da tecnoloxía”.
O
ciclo arranca este mércores 20 coa conferencia Intelixencias
artificiais xerativas e nesgos de xénero, a cargo da
investigadora da Universidade da Coruña (UDC) Laura Castro, que
permitirá pór o foco en como o "adestramento" das
intelixencias artificiais fai que se trasladen a estas estereotipos e
nesgos que poden facer, por exemplo, que poidan dar unha resposta
diferente a unha mesma pregunta se quen a efectúa é home ou muller,
como apunta Martínez Rolán.
Outras
actividades poñen o foco en “”aspectos directamente ligados co
deseño e a creatividade dixital”, como o relatorio Visibilidade
e empoderamento: feminismo na creatividade dixital, que o 10 de
outubro impartirán Alba Pato e María Juanatey, fundadoras de Bululú
Creativos. O día 18 de outubro será a quen do Obradoiro de memes
feministas, a cargo da responsable da axencia Trend, Xiana Vidal,
unha actividade que busca pór o foco en como a “extrema
simplificación” que implican estes elementos, non só “axuda a
transmitir estereotipos”, senón tamén a combatelos.
O
ciclo continúa o 24 de outubro co taller Deseño web dende unha
ollada feminista, a cargo de Sabela Muñiz, unha das
organizadoras da WordCamp Pontevedra que esta fin de semana acollía
a Facultade de Comunicación.
Dous
días despois, o 26 de outubro, a xefa do Servizo de Comunicación
Institucional da Deputación de Pontevedra, Rebeca Domínguez,
impartirá a conferencia Protocolo e xénero: rompendo
estereotipos e construíndo igualdade, e a actividade pecharase o
15 de novembro cunha reflexión sobre As disfuncións
da comunicación dixital, a cargo de Teresa Piñeiro, directora
do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC.
Promovido
polo grupo de innovación docente Dixitais, tamén da Facultade de
Comunicación, esta semana arranca tamén a terceira edición do
Seminario de Alfabetización contra Desinformación, un ciclo de
conferencias en liña, completadas con materiais adicionais, no que
tres especialistas neste ámbito promoverán un reflexión sobre “os
distintos aspectos que interveñen no fenómeno da desinformación e
sobre os principais mecanismos para loitar contra ela”, como
apuntan os coordinadores desta actividade, os investigadores Mabel
Míguez, Alberto Dafonte e Javier Abuín.
Con
inscrición previa e inserido nas actividades de formación do
profesorado da Escola Aberta de Formación Permanente, trátase dun
ciclo aberto a toda a cidadanía e orientado a un público non
especializado, coa idea de que “poida comprender mellor as
implicacións desta problemática e coñecer as ferramentas que ten
ao seu alcance para facerlle fronte”.
Impartido
a través de Campus Remoto, a actividade ábrese este martes 19, ás
17.30 horas, coa conferencia Los jóvenes ante la desinformación,
da investigadora da Universidad de Navarra Charo Sádaba. Á semana
seguinte, o martes 26, o profesor da Universidad Carlos III ofrecerá
o relatorio El método científico como herramienta contra la
desinformación, pechándose a actividade o 3 de outubro coa
conferencia Algoritmos, periodismo y desinformación, de Berta
García, da USC.