O Campus de Pontevedra acolle un maratón para achegar novos contidos ao Galizionario

xoves, 16 de novembro do 2023 S. P.

Será este venres 17 de novembro cando a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra acolla unha nova edición do hackatón encamiñado a achegar novos contidos ao Galizionario, a versión en galego do Wiktionary, o dicionario multilingüe promovido pola Fundación Wikimedia.
Cómpre dicir que este hackatón está aberto á participación da comunidade universitaria e de calquera persoa interesada, o cuarto EMLex Wiktionary Hackfest insírese nas actividades do mestrado europeo sobre lexicografía EMLex. Engadir que este encontro contará coa participación de 15 alumnos de alumnas, procedentes de Portugal, Armenia, Alemaña, Ucraína, Nixeria ou Costa de Marfil, que cursan este mestrado nas universidades do Minho e de Santiago de Compostela.
“O obxectivo é reunirnos estudantado e profesorado de EMLex con voluntariado das edicións en castelán e portugués do Wiktionary para impulsar o desenvolvemento da edición en galego deste proxecto, o máis importante no campo da lexicografía colaborativa”, sinalan desde o comité organizador deste encontro, coordinado polo profesor da facultade Carlos Valcárcel, que é tamén un dos docentes da materia de Lexicografía colaborativa deste mestrado. Asemade, dicir que o obxectivo desta xornada é que as e os futuros profesionais deste ámbito poidan traballar conxuntamente con membros da comunidade do Wikcionario e da Wikipedia e calquera persoa interesada na incorporación de novos contidos a versión en galego, sexa tanto creando novas entradas como incluíndo traducións de palabras noutros idiomas, exemplos de uso... Partindo disto, o hackatón deste venres arrancará cunha breve formación sobre o traballo de edición nesta plataforma e as e os participantes traballarán en diferentes equipos ou de xeito individual na elaboración de contidos, que serán presentados pola tarde, na sesión de peche deste maratón.