O Campus de Pontevedra acolleu a presentación da 1ª WordCamp promovida por colectivos de toda Galicia
mércores, 24 de setembro do 2025
Ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Fundación WordPress, a Facultade de Comunicación converteuse en 2018 na sede da primeira WordCamp de Galicia, un congreso centrado no que sería o xestor de contidos de software libre máis empregado no mundo para a creación de páxinas web. Despois de cinco edicións, promovidas pola comunidade local de WordPress, a WordCamp Pontevedra transfórmase na WordCamp Galicia, un evento impulsado polos colectivos locais das sete cidades galegas, que desenvolverá a súa primeira edición neste centro do campus pontevedrés entre o 3 o 5 de outubro.
A WordCamp Galicia foi presentada este martes 23 de setembro na Casa das Campás por Eva María Lantarón, vicerreitora do campus de Pontevedra; Emma Torres, decana da Facultade de Comunicación, e Wajari Velasquez, representante do comité organizador.
Segundo informaron, o programa está conformado por máis de 20 conferencias e obradoiros, e desde a organización prevén reunir preto de 250 persoas nun encontro que terá como eixe temático as aplicacións formativas deste xestor de contidos de código aberto.
Promovido co apoio da Universidade de Vigo e da Fundación WordPress, este evento constitúe a “evolución natural” da que foi “a primeira WordCamp de Galicia, reunindo as comunidades galegas e fortalecendo a presenza da UVigo como punto de innovación e formación”, destacou Lantarón.
Tres días de actividade
Como salientou a vicerreitora, o formato desta WordCamp Galicia “mantén a esencia das edicións previas”, arrancando na xornada do venres 3 cun obradoiro de iniciación ao manexo deste xestor de contidos, que será impartido por Fernando Tellado, “o maior blogueiro de WordPress de fala hispana”, destacou Velásquez. Trátase dun taller con carácter gratuíto, continuado por un maratón na que “pór en práctica” o aprendido deseñando a web de dúas organizacións sen ánimo de lucro, as asociacións Ocionautas e Amigas das Árbores. Neste punto, Lantarón recalcou que o “enfoque” deste evento encaixa coa “estratexia institucional” da Universidade, tanto á hora de promover a formación permanente como de contribuír a unha sociedade “máis igualitaria e máis xusta”.
Aberta xa aos inscritos e inscritas, a do sábado 4 será a xornada central desta WordCamp, co desenvolvemento, en dúas salas paralelas, de máis de 20 relatorios e talleres. Nesta edición, apuntou Velásquez, estas terán como eixe a aprendizaxe, “como podes ensinar cunha plataforma como WordPress”. Con coloquios de diferentes niveis, esta programación permitirá afondar en ámbitos como o desenvolvemento web, a mercadotecnia, o posicionamento en buscadores, a creación de podcasts ou as aplicacións da Intelixencia Artificial.
Finalmente, o domingo 5 celebrarase o Día da Comunidade, no que as persoas participantes poden coñecer “como poden colaborar” cunha plataforma de código aberto “que se mantén grazas ao apoio e colaboración de moitas persoas”.
Este evento, lembrou Torres, viuse ademais precedido pola celebración este luns na Facultade de Comunicación da primeira edición en Galicia de WordPress Campus Connect, unha xornada dirixida a achegar á comunidade universitaria este xestor de contidos. O encontro, promovido polo profesor Xabier Martínez Rolán e por Juan Hernando, da comunidade WordPress Pontevedra, abrangueu unha serie de coloquios sobre deseño web, SEO e comunicación dixital, xunto cun obradoiro práctico.
