O Campus de Pontevedra amplía as posibilidades do escenario virtual da Facultade de Comunicación
venres, 27 de xuño do 2025
A Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra presentaba o pasado curso a primeira versión operativa dunha aplicación de Realidade Virtual, baixo o nome de Simulacro, que permite simular procesos de creación audiovisual e na que o alumnado pode desenvolver tarefas de realización, dirección de fotografía ou operador de cámara nun escenario virtual. Agora, ao abeiro da convocatoria de proxectos piloto de innovación docente da UVigo, este laboratorio virtual ampliou as súas posibilidades e funcionalidades, coa incorporación dun novo escenario de exteriores, así como dunha “pantalla de adestramento” que permite ás persoas usuarias iniciarse no manexo desta ferramenta.
Segundo explican dende o Campus, Simulacro permitiu así mesmo abrir nas últimas semanas unha liña de colaboración coa University of Doha for Science and Technology, que levará nos próximos días a presentar, de xeito virtual, esta ferramenta a representantes desta institución de Catar.
Como explica o vicedecano Oswaldo García, responsable deste proxecto de innovación, o obxectivo é promover a continuación unha “práctica conxunta” que reúna nesta contorna virtual alumnado das dúas universidades, iniciativa que se levará acabo coa colaboración do profesor da Universidade de Doha Roi Fernández.
Concibido como “un simulador de procesos de produción”, a aplicación desenvolvida na facultade pontevedresa permite que, a través dunhas lentes de Realidade Virtual, o alumnado poida realizar diferentes tarefas nun escenario virtual con diferentes sets, aos que agora se suman novas localizacións virtuais en exteriores. A través duns avatares, permítese aos estuantes manexar diferentes cámaras, modificar a configuración e posición das fontes de iluminación e observar en tempo real o efecto das accións que realice. O obxectivo deste laboratorio virtual é facilitar a aprendizaxe de diferentes roles “dentro das rutinas de produción audiovisual”, permitindo “interiorizar procesos”, nun ámbito no que, recoñece García, a “base práctica é fundamental” para afondar no “funcionamento e potencial da narrativa audiovisual”.
Con esa mesma idea, Simulacro posibilita tamén a participación de usuarios e usuarias adicionais que, sen lentes de VR, poden “monitorizar as decisións tomadas polos seus compañeiros e compañeiras”.
Este laboratorio virtual xa foi empregado no presente curso en tres materias do Grao en Comunicación Audiovisual e este proxecto de innovación, no que participaron diferentes docentes da facultade, insírese “no obxectivo que temos a medio prazo de converter Simulacro nunha ferramenta o máis efectiva posible”. Isto permitiría o seu uso nun maior número de materias de diferentes titulacións do facultade, á vez que abriría a posibilidade de “establecer unha vía de investigación e transferencia centrada no uso da tecnoloxía de simulación nos procesos de creación audiovisual, relacionada co auxe no sector das ferramentas de previsualización”.
Con esa idea, unha das novidades impulsadas nos últimos meses foi unha “pantalla de adestramento”, que funciona “como o titorial dun videoxogo, no que se establecen pequenos obxectivos e para cumprilos debes pór en práctica funcionalidades básicas que logo van ser necesarias no uso da ferramenta, como aprender a desprazarte polo espazo”, apunta García. Trátase, explica, dunha proposta dirixida a fomentar a “autoaprendizaxe”, así como a facilitar ao persoal docente o uso desta aplicación.
