O Campus de Pontevedra xuntou especialistas na loita contra as fake news

martes, 10 de xuño do 2025 S. P.

O Museo de Pontevedra acolleu este luns 9 de xuño unha xornada de debate arredor da proliferación das novas falsas nas redes socias, caldo de cultivo dos populismos máis extremistas e de todo tipo de movementos que poñen en xaque a democracia. A xornada, moderada e conducida polo xornalista Xabier Fortes, contou con investigadores de diferentes ámbitos, co propósito de afondar nos efectos da desinformación e nas ferramentas existentes para detectala e combatela.
Promovido pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo (UCC+i), este coloquio puxo de relevo que “a desinformación organizada obedece sempre a intereses políticos e económicos”, como sinalou o profesor da Facultade de Comunicación Xosé Rúas, e na incidencia que esta problemática ten á hora de que “crear un estado de opinión polo que xa non sabemos que é certo e que non”, como engadiu a psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga.
Baixo o título de A desinformación baixo o foco, este debate aberto á cidadanía inseríase nas actividades promovidas pola UCC+i a raíz da celebración, o pasado 17 de maio, do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, dentro do Plan de Ciencia de Ida e Volta, que conta co financiamento da FECYT.
Contou coas intervencións dos integrantes do grupo CP2 Xosé Rúas e Iván Puentes; do investigador do grupo SING Guillermo Blanco, do integrante do Grupo de Tecnoloxías da Información Francisco de Arriba e da psiquiatra Iria Veiga. Tamén asistiron as vicerreitoras de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e do Campus de Pontevedra, Eva María Lantarón.
Estruturada en tres bloques, a conversa arrancou pondo o foco nas diferentes manifestacións dunha problemática que, lembraron, non se limita ás loiadas e ás noticias falsas, senón que abrangue tamén a difusión de contidos nesgados, esaxerados ou manipulados. “É un fenómeno que sempre existiu, o que cambiou foi a súa capacidade de viralización coas redes sociais”, salientou Rúas, investigador principal do proxecto FakeLocal, que subliñou que a “desinformación organizada sempre obedece a intereses políticos e económicos”, o que levou a Veiga a incidir en que esta “non parte de forma equidistante de todos os puntos do espectro político”, sinalando estudos que atribúen a maioría das loiadas a “partidos de extrema dereita e populistas”. Neste punto, Iván Puentes alertou de que a democracia estase a ver “francamente ameazada” por esta problemática e recalcou a necesidade dunha “opinión pública informada”. Pola contra, alertou, nos últimos tempo está a medrar un “novo fenómeno”, o dos “evitadores de información”, persoas que optan por “non consumir información”, que un estudo do Instituto Reuters, apuntou, sitúa xa en preto do 50% da poboación en España.
O segundo bloque da conversa centrouse nos efectos que este clima de desinformación está a ter na posta en cuestión da ciencia, un aspecto que levou a Veiga a incidir na importancia de “cambiar a maneira na que transmitimos o coñecemento científico”, xa que, ademais de proporcionar á cidadanía datos, é preciso tamén achegala ao "funcionamento do método científico", o que á súa vez permitiralles identificar informacións falsas, ao comprender "que as premisas das que parten non son correctas".
O debate puxo tamén o foco no papel que xogan as redes sociais na proliferación destes contidos, mais tamén na existencia de ferramentas para facerlle fronte. “As redes sociais son unha grande ferramenta democratizadora”, recoñeceu Guillermo Blanco, quen lembrou que estas plataformas permiten á cidadanía expresarse, mais tamén son unha canle idónea para facer chegar “certo tipo de mensaxes” a un gran número posible de persoas.
O investigador da Escola Superior de Enxeñaría Informática sinalou o problema que supoñen os “algoritmos de recomendacións”, que promoven “aquilo que ten máis interaccións” e que poden ser alterados mediante o uso de bots. Neste punto, De Arriba lembrou que tras as redes sociais atópanse “empresas privadas que buscan beneficios”, ao que Blanco engadiu que se ben existen ferramentas, estas “non se están aplicando o suficientemente”.