O Campus en liña da igualdade laboral achegou case un centenar de accións formativas

mércores, 19 de marzo do 2025 S. P.

Este xoves 19 de marzo celebrouse na Cidade das TIC unha xornada para facer balance dos resultados do Campus en liña da igualdade laboral, habilitada pola Consellería de Emprego. O conselleiro José González explicou que o campus conta xa cunhas 8.000 persoas adheridas e ao seu abeiro impartíronse xa 95 accións formativas (65 cursos formativos e 30 obradoiros) entre o 2021, ano da súa posta en marcha, e 2024. Estas accións formativas completaranse con 26 máis programadas para este primeiro semestre e coas que no mes de xuño se prevé superar as 120 formacións desde o seu nacemento.
González estivo acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana. Na cita tamén participaron docentes e persoas usuarias das accións formativas do Campus en liña aos que o titular de Emprego agradeceu o seu traballo a prol de contornas laborais máis inclusivas. Ademais, felicitou ao alumnado desta plataforma formativa ao que se lle entregaron os certificados de aproveitamento dos cursos superados no 2024.
En relación coa participación neste espazo formativo, destacan as persoas traballadoras por conta allea que ocupan un posto técnico ou directivo nas súas empresas e a maioría das persoas usuarias pertencen, fundamentalmente, aos sectores de servizos profesionais, agroalimentario e industrial. Ademais, en canto ás 26 accións a impartir neste primeiro semestre, explicou que se abordan temáticas como o fomento da presenza de mulleres nas empresas técnicas, tecnolóxicas ou a obriga de adoptar medidas de igualdade en empresas de menos de 50 persoas traballadoras, entre outros.