O Capture The Flag CITIC achega retos prácticos de ciberseguridade os días 25 e 26 de marzo
mércores, 18 de marzo do 2026
O CITIC da UDC acollerá este mes dúas xornadas dinamizadoras enfocadas a enfrontar desafíos reais de maneira práctica en materia de ciberseguridade. Trátase dun CTF (Capture the Flag), unha competición deseñada para poñer a proba as habilidades das persoas participantes en diversas áreas da ciberseguridade e das telecomunicacións seguras.
O evento, organizado pola consultora Sherpa Tribe no marco do programa INCIBE Emprende, celebrarase os días 25 e 26 de marzo, de 9:00 a 14:00 horas, na Sala Cloud do Centro TIC da Universidade da Coruña.
O Capture The Flag CITIC é un evento de ciberseguridade que combina competición, aprendizaxe práctica e mentoring especializada e está dirixido a estudantes, persoal investigador e calquera persoa interesada en iniciarse ou profundar en retos de ciberseguridade. O CTF ofrece unha experiencia formativa adaptada a distintos niveis de coñecemento.
O programa inclúe retos prácticos organizados por equipos en áreas clave do sector, como análise de información e OSINT, forense dixital, criptografía, seguridade web, hardening de sistemas, enxeñaría inversa básica e explotación controlada de vulnerabilidades.
O CITIC explica que “cada reto adáptase ao nivel das persoas participantes e realízase dentro da plataforma propia do programa, con acompañamento continuo de mentores e asesores que guían aos equipos durante toda a competición”.
Ademais, as persoas asistentes poderán participar en charlas breves de profesionais, que conectarán os retos coa realidade do sector e coas saídas profesionais dispoñibles.
Todas as persoas participantes recibirán un certificado de participación asinado polo INCIBE, que recoñece a súa implicación e desempeño no evento.
A inscrición é individual e gratuíta, cun máximo de 40 participantes asignados por orde de rexistro. O CTF require que as persoas participantes dispoñan de ordenador portátil propio.
“Este evento representa unha oportunidade única para desenvolver habilidades prácticas en ciberseguridade, traballar en equipo e coñecer de primeira man as oportunidades profesionais no sector”, engadiron dende o CITIC.
