O Carballo Interplay anuncia das datas da súa 13ª edición: do 16 ao 19 de abril
luns, 22 de decembro do 2025
O festival de contidos dixitais Carballo Interplay, organizado polo Concello e a produtora Cósmica, anunciou as datas da súa edición de 2026, que se celebrará do 16 ao 19 de abril e converterá de novo a vila bergantiñá “nun punto de encontro arredor das tendencias audiovisuais da rede e do panorama de vangarda”.
Dende a organización avanzan que “o festival afronta a súa 13ª edición como un evento consolidado en Galicia, referencia no impulso da creación dixital en galego e cun crecente recoñecemento en todo o Estado, unha traxectoria que vén de ser distinguida co Premio da Crítica de Galicia na categoría Cultura Dixital”.
Para esta nova edición o certame volve convocar os seus premios e concursos: Competición Oficial de Series en Formato Curto, Premio Creación Dixital Galega e Premio á Produción de Contido Dixital en Galego. As convocatorias para as diferentes categorías xa están abertas.
A Competición Oficial de Series en Formato Curto é a máis clásica do festival, pensada para producións nacionais ou internacionais realizadas entre 2025 e 2026. O requisito a cumprir é que teñan, polo menos, tres capítulos producidos que non superen os 30 minutos cada un. Poden ser inéditos ou atoparse xa publicados nalgunha plataforma de streaming. Os premios outorgados nesta categoría serán á Mellor Serie (800 euros e trofeo), Premio do Xurado Novo (400 euros e trofeo), Premio do Público (400 euros e trofeo) e Premio á Mellor Dirección (200 euros e trofeo). As persoas interesadas poden inscribirse na páxina web do festival, con data límite o 8 de marzo de 2026.
Para apoiar proxectos en fase de desenvolvemento, o Carballo Interplay convoca tamén o Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, cunha dotación de 3.000 euros destinada ao desenvolvemento do proxecto gañador, aberta a formatos e temáticas variadas pensadas para a difusión en redes como TikTok, YouTube ou Instagram. A inscrición é gratuíta e a data límite para a inscrición é o 29 de marzo de 2026.
No eido da creación nativa dixital, o festival mantén o Premio Creación Dixital Galega, dirixido a proxectos de creación propia e en lingua galega que se difundan en Instagram, TikTok, YouTube ou outras redes e canles. Esta convocatoria contempla dous recoñecementos: Mellor Canle (600 euros e trofeo) e Mellor Creador ou Creadora (600 euros e trofeo). A inscrición é gratuíta e a data límite para a inscrición é o 29 de marzo de 2026.
Na pasada edición, os premios á Creación Dixital en Galego recoñeceron a Rebelico Revista como Mellor Canle e á tiktoker Sara Seco como Mellor Creadora, mentres que o premio á Produción de Contido Dixital en Galego recaeu no proxecto Epidemia invisible. Na Sección Oficial de series, The Pearl (Let’s make peace) foi elixida Mellor Serie e Alec Pronovost recibiu o premio á Mellor Dirección por J’adore le jus, mentres que o Xurado Novo premiou a serie galega A moza que abortou e o contou; Triple oh! acadou o Premio do Público.
Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo con produción e dirección de Cósmica.
