O Carballo Interplay anuncia os doce finalistas para os seus premios a contido dixital en galego
luns, 21 de abril do 2025
O festival de contidos dixitais Carballo Interplay anunciou os días pasados as propostas finalistas para os premios á Produción de Contido Dixital en Galego, dotado de 3.000 € para a creación do proxecto presentado e o premio de Creación Dixital Galega (coas categorías de Mellor Canle e Mellor Creado/a), dotado de 600€ en cada categoría. Entre os finalistas están proxectos consolidados como Descifrando a Historia ou Galego para Peques e creadoras de contido dixital como a tiktoker Sara Seco.
Do 24 ao 27 de abril
O Carballo Interplay é unha gran plataforma para os creadores e creadoras de contido en galego. Desde os seus inicios apoia proxectos en desenvolvemento de webseries e desde a pasada edición comezou a apoiar tamén outros formatos dixitais e a premiar ás mellores creadoras e creadores. Na XII edición, que será do 24 ao 27 de abril no Mercado de Carballo, pasarán polo festival unha ducia de proxectos en galego que, en palabras da organización do certame, “demostran o interese por crear contido na nosa lingua e a gran riqueza e diversidade que podemos atopar na Rede”.
O premio
O Premio á Produción de Contido Dixital en Galego creouse para apoiar cun financiamento de 3.000€ a proxectos audiovisuais en formato de webserie. A dirección do festival destaca que, desde a pasada edición, esta categoría acepta tamén proxectos dixitais como canles ou seccións en redes sociais, aumentando o número de candidaturas recibidas e diversidade das mesmas. “Este aumento de participantes amosa o interese, especialmente da mocidade, por crear contidos en galego para as redes”, engaden dende a organización.
Os proxectos finalistas son Epidemia Invisible, de Román Varela, un proxecto multiformato que propón unha inmersión honesta e sensíbel na realidade da saúde mental en Galicia, combinando o formato principal dunha serie documental con pezas complementarias en formato videoblog ou reel; Escoitasme?, unha webserie de ficción do alumnado de 4º da ESO do instituto IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela; Artistas en Reserva, webserie de Martín Castro que segue a un grupo de mozos artistas que tentan abrirse paso no panorama actual das súas respectivas disciplinas; 90 e pico, unha webserie de comedia da Asociación Xuvenil Mómaro e Señoras con Recursos, unha webserie que é crítica feminista aos roles de xénero clásicos e xa caducos do sistema laboral, en clave de comedia disparatada, creada por Silvia Lorenzo e Paloma Otero.
O xoves 24 ás 17:00 os finalistas presentarán os seus proxectos nun pitching ante o xurado que elixirá que proxecto leva o premio de 3.000€ destinado ao desenvolvemento do mesmo. Na pasada edición a webserie de comedia Delirio Sketchs, da directora Bea Saiáns foi a gañadora e nesta edición presentarán o resultado do seu traballo.
O Premio Creación Galega Dixital, pola súa banda, destaca proxectos xa consolidados no panorama dixital galego, con dúas categorías, Mellor Canle e Mellor Creador/a. É o único premio da comunidade no que se presentan contidos sen diferenciar a súa plataforma de difusión, temática ou formato. O xurado formado por Marta Pérez (profesora na área de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Facultade de Comunicación da USC), María Rúa (creadora de contido coñecida como Prado Rúa), Andrea Villa (codirectora e programadora do festival) e Andy Chichester (creador de contido en galego de Estados Unidos) seleccionarán aos gañadores, que recibirán un premio de 600€ en cada categoría. Os finalistas presentarán os seus proxectos nun pitching o venres 25 ás 16:00 no Mercado de Carballo.
Os finalistas na categoría de Mellor Canle son Rebelico Revista, un proxecto que presenta a cultura tradicional galega dun xeito divertido e actual xa que o obxectivo principal é achegar a tradición galega á sociedade para romper estereotipos e poñela en valor; Descifrando a Historia, un proxecto de divulgación sobre historia de Galicia que conta con un podcast e xera contido en redes sociais como Instagram e Tik Tok; Galego para Peques, un proxecto audiovisual pensado para estender o uso do galego na infancia e o podcast Um Tee com Nee, podcast, no que Nee, unha persoa de xénero non binario, recolle o cambio da sua voz co tratamento hormonal de testosterona. Así, cada episodio relaciona a sua transición de xénero con outra transición cultural, de diversos pobos ao redor do mundo.
Na categoría de Mellor Creadora son finalistas tres perfiles que usan Tik Tok como a súa principal rede para crear contido. Konachadas, unha conta de temas moi variados, pero sempre con un trasfondo activista. A súa creadora descríbeo como “retranca consciente”. A tiktoker Sara Seco, coñecida polos seus vlogs nos que narra o seu día día e outros contidos de beleza e lifestyle e Patri Otero, creadora que denuncia aquelas actitudes ou condutas que van en contra dos seus principios e valores. Tamén intenta dar visibilidade a temáticas que están máis silenciadas e, sobre todo, facer reflexionar ás persoas que consumen o seu contido.
Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo co apoio da Deputación da Coruña e Xunta de Galicia a través de AGADIC.